Saltar ao contido principal

O BNG urxe ao Ministerio de Igualdade reforzar os mecanismos de protección das vítimas de violencia machista

 A senadora do BNG Carme da Silva levou ás Cortes do Estado novas iniciativas para exixir ao Ministerio de Igualdade medidas máis eficaces na protección das vítimas de violencia machista, tras advertir de fallos graves no sistema que non están a evitar feminicidios mesmo en casos con denuncias previas.



A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para demandar ao Ministerio de Igualdade maior concreción nas medidas que se están a despregar para mellorar a protección e a seguranza das mulleres vítimas de violencia machista. A organización nacionalista advirte de que o incremento de feminicidios evidencia graves erros nos mecanismos actuais, especialmente nos casos en que existían denuncias previas e ordes de afastamento que non evitaron os asasinatos. Ante esta situación, a senadora do BNG pide a Igualdade que faga públicas as recomendacións que trasladou aos órganos xudiciais e reclama coñecer que máis medidas se levarán a cabo.

“É intolerábel que mulleres con medidas de protección acaben sendo vítimas mortais. O sistema debe garantir a súa seguranza e débense levar a termo todos os cambios necesario para cumprilo. É urxente. É imperativo” sinala Carme da Silva. Neste sentido, a senadora do BNG propón aumentar a distancia mínima das ordes de afastamento, estabelecendo que en ningún caso esta cifra sexa inferior a 350 metros, co obxectivo de garantir unha resposta eficaz. “Hai que actuar con contundencia ante o incumprimento das ordes de afastamento e impulsar a apertura sistemática de procedementos” asevera.

“Débese reforzar o sistema VioXén asegurando unha protección real das mulleres incluídas e evitando que os agresores poidan vulnerar as medidas sen consecuencias inmediatas” afirma con contundencia. “Así mesmo, é preciso mellorar e modernizar o sistema Cometa, corrixindo os seus fallos e garantindo o seu correcto funcionamento en todo momento” engade Carme da Silva.

Da mesma forma, a organización nacionalista demanda garantir a cobertura e conectividade, especialmente nas zonas rurais, para permitir un seguimento tanto das vítimas como dos agresores. Por último, Carme da Silva sinala a necesidade de desenvolver medidas específicas contra a violencia vicaria, reforzando a protección dos menores.



Mobilizacións en 30 concellos denuncian o feminicidio de Mos: "Nin é un feito illado nin unha traxedia imprevisíbel"

A senadora do BNG subliña que “levamos tempo advertindo destas deficiencias e da necesidade de actuar, especialmente no rural onde as condicións agravan o risco”. Non abonda con diagnose, “fan falta medios e recursos”.