
Xosé María Dobarro
Na noite do 15 de febreiro de 1898 poduciuse unha explosión no acoirazado ‘Maine’, da Mariña dos Estados Unidos, que estaba fondeado, en “amistosa” visita, no porto da Habana. Afundiu e morreron 266 tripulantes. Aínda que as primeiras exploracións non deixaron ás claras a verdadeira causa do estoupido, a prensa norteamericana apresurouse a publicar en lugar destacado cousas como que fora “Destryed by a floating mine”. “Spain Guilty!”, podíase ler en grandes letras na primeira plana do New York Journal do 25 de marzo de 1898. Nada sorprendente, sendo propiedade de controvertido magnate William Hearst –o inspirador do ‘Cidadán Kane’–, o auténtico pioneiro das fake news e do xornalismo militarista.
Un estouro no interior do buque parecía ser a verdadeira causa da deflagración, mais iso significaba que se trataba dunha neglixencia dos militares ianquis que non interesaba recoñecer. Deixar no ar a posibilidade dunha intervención externa, que non se puido probar, apoiaba outros intereses, relacionados, precisamente, coa presenza do acoirazado, non tan amigable como se quixo facer ver. Dirixirse á Habana antes de ter solicitado os correspondentes permisos non apunta a iso. Navegar preparado para posibles accións de guerra, tampouco.
As autoridades norteamericanas, pois, nunca mostraron moito interese en investigar a fondo o asunto. As probas, manipuladas e inventadas, difundidas con grandes titulares e con aterrantes imaxes culpaban España, e preparaba a xente para que xustificase e mesmo esixise unha intervención. Hóuboa e Cuba deixou de ser colonia de España, como todos sabemos. Se ben, como tamén sabemos, Cuba non seguiu a sorte –pésima– de Porto Rico de, simplemente, cambiar de amo.
Mais o amo nunca abandonou a vella idea –moi anterior ao 98– de ter Cuba debaixo da bota. Xa non digamos despois da revolución. O afogamento lento producido por décadas de embargo nin é casual nin ten outro sentido que non sexa o do sometimento. Torturar psicoloxicamente un pobo ata que se rebele contra os seus e non contra quen, real e despiadadamente, o machaca día tras día.
O pobo non aguanta máis a ditadura; nós non temos nada que ver, din os imperialistas. Mais... é así? Tal cal? E mentres vemos representantes destacados de diferentes crenzas, que se din serias, adorando Trump, o becerro de ouro, e rezando aos seus deuses para que o protexan. Serán cousas da caridade cristiá?
Será posible que non saiban que desde que os ianquis se lanzaron a polo imperio non hai cousa que tocasen que non envilecesen? Aló onde foron non levaron máis que males. Pola rosa dos ventos toda. Coa bandeira de protexer o mundo do comunismo, sen que ninguén llo pedise, aniquilaron o aniquilable, ou máis. Aos que se consideran a maior democracia (?) do mundo, non lles doeron prendas á hora de derrubar gobernos democráticos que non se deixaban mangonear, para substituílos por outros que lles fosen proclives. Non tiveron problema ningún en afortalar ditaduras a cambio de cesións de soberanía, tal a franquista, que ás veces o patriotismo é xustiño de máis, non vai máis aló da palabra.
“Ó i ó ai, nós queremos é justiça / Ó i ó ai, e dinheiro para o bife / Ó i ó ai e não esta coboiada / E não esta coboiada / em que é tudo do xerife”, cantaba Sérgio Godinho nas “Quatro quadras soltas”. Era 1979. E fomos a pior. O xerife quéreo todo.