Saltar ao contido principal

No pasamento de Alonso Montero: amigo moi porezado

 

No pasamento de Alonso Montero: amigo moi porezado

XOSÉ M. DOBARRO


       


Por se a auga, o vento e a grisura que cubría o ceo o pasado xoves non convidase suficientemente á invernal tristeza, a media mañá recibín un sucinto WatsApp de José Gómez Alén no que me daba conta da morte do común grande amigo Xesús Alonso Montero. Foi el quen permanentemente me foi informando do seu estado de saúde desde que en decembro fora ingresado cun edema pulmonar. Alén, nome co que o coñezo desde o ano 68, a quen tratei moito por eses anos composteláns, e daquela a hoxe, nos últimos tempos pasou moitas horas con Xesús, mesmo que non fose máis que as botadas no coche para levalo a tantos lugares da nosa xeografía onde moi a miúdo era requerido para conferenciar dun lote de temas, porque era un excelso orador que tocaba moitas teclas. Recordo a Xesús viaxando nos seus autos. Un Citroën –non podo precisar se 2CV ou Dyane 6– e, despois, un Skoda 100, dos que viñan da Checoslovaquia, moi curioso porque o capó se abría de dereita a esquerda, e mais un Opel Corsa. Logo deixou de conducir, e, durante anos, o amigo Luis González ‘Ferreiro’, un camarada, loitador, dos que xa non quedan, encargouse gostosamente de levalo aquí e acolá, cando había que facer as viaxes no día e en horas carentes de transporte público ningún.

Segundo me fora contando Gómez Alén, os problemas médicos de Xesús eran froito do axitado mes de novembro que levara, con conferencias cada tres días por toda Galicia, algo cansativo para calquera e xa non digamos para quen estaba perto dos 100. O cardiólogo xa lle berrara no mes de setembro, mais pouco caso lle fixera.

Unha desas múltiples conferencias, “Os textos de Castelao trala súa viaxe á URSS en maio de 1938”, ditouna o pasado 20 de novembro no Salón de Actos Concepción Arenal da UDC, formando parte das actividades do ano Castelao que o Club de Prensa e a Asociación Cultural Fuco Buxán –coa colaboración da UDC e a Concellería de Cultura do Concello de Ferrol– organizaron na nosa cidade. Quixo o azar que o contido desa disertación tivese conexión directa co “Castelao na URSS en 1938”, libro que Yolanda Díaz, Manuel Bragado e mais eu lle presentamos na Feira do Libro de Ferrol de 2013. Ese 20 de novembro foi a derradeira vez que o vin. Quédanme unhas fotos para recordalo, ben rufo aínda.

Xesús foi unha das persoas que máis quixen. Uníannos bastantes cousas: a cultura galega, o republicanismo, o Partido ou, mesmo, o fútbol, moi particularmente o Barça.

“Arriba os asoballados, /en pé razón e corazón, / lostrega a nosa xustiza: / xuntos na Revolución. // Os privilexios e os atrancos, /cairán coa fouce da razón, / cairán coa loita organizada, / semente da Revolución. // ¡Axuntémonos todos / na laboura final / levando no peito/ a Internacional! // ¡¡Axuntémonos todos / na laboura final / levando no peito ó loitar / a Internacional!!!”, di a súa versión galega da Internacional, que se cantou no primeiro mitin público do PCG, celebrado en Vigo o 30 de abril de 1977. Onte, un ben afinado coro, interpretouna no tanatorio de Pereiró, nun acto en que tamén se dixeron os poemas “A Rosalía”, de Curros; “1936”, de Cernuda; “Cantabile di Galizia”, de Luciana Stegagno; “Brinde”, de Víctor Campio, e “Volver a Lugo”, de Rábade Paredes, os tres últimos a el dedicados.

Alí estiven na despedida do “profesor, traballador da cultura, republicano, marxista e ateo”, como el mesmo se definiu.