Unha ampla representación de entidades sociais, sindicais e políticas da comarca de Ferrolterra compareceu este xoves de forma unitaria no Concello de Ferrol para convocar unha manifestación comarcal en solidariedade co pobo palestino. Celebrarase o vindeiro domingo, 21 de decembro, desde as 12.00 horas, con saída desde a praza Amada García da cidade naval.
A marcha, que percorrerá as rúas do centro da cidade até finalizar na praza de Armas, ante o Concello, conta co respaldo da Federación de Anpas de Centros Públicos de Ferrolterra, Solidariedade Galega con Palestina e unha extensa lista de organizacións entre as que se atopan o BNG, PSOE, Ferrol en Común, Podemos, Esquerda Unida, así como os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT, entre outros colectivos veciñais e culturais.
Durante a rolda de prensa, José Paz denunciou a "masacre sistemática" da poboación civil en Gaza. "Asistimos a bombardeos indiscriminados onde morren nenos, nenas e anciáns; destrúense escolas, hospitais e universidades", afirmou Paz, que cualificou a situación como un "xenocidio sen nome" e criticou o uso da fame e o bloqueo de axuda humanitaria como "armas de guerra".
CIFRAS
Nesta mesma liña, Ignacio Martínez achegou cifras alarmantes sobre o impacto do conflito, citando datos do Ministerio de Sanidade palestino que elevan a máis de 70.000 as vítimas mortais e a 171.000 os feridos, destacando que "un terzo dos falecidos son nenos". Martínez denunciou que, a pesar dos pactos internacionais, Israel restrinxe drasticamente a entrada de subministracións: "Estaban pactados 600 camións diarios e só deixan pasar 153".
Pola súa banda, Helga Méndez fixo un chamamento á mobilización para evitar que o conflito caia nunha "caixa de escuridade e silencio". Méndez foi especialmente crítica co recente marco de negociación, ao que denominou o "Plan de Trump", afirmando que "de paz ten pouco" e que Israel o viola sistematicamente "asasinando e reducindo Gaza a menos da metade do seu territorio".
Desde a plataforma unitaria esixiron que a ONU tome medidas eficaces para obrigar ao cesamento inmediato dos ataques e reclamaron ao Goberno e á comunidade internacional a "ruptura total de relacións diplomáticas e económicas" con Israel, así como un "embargo total de armas". Por último, Celso Posada, en representación dos colectivos convocantes, agradeceu a adhesión masiva de grupos políticos e sociais, lembrando que a convocatoria segue aberta a novas incorporacións. "Convidamos a todos os veciños e veciñas de Ferrolterra a que se sumen o día 21 por unha Palestina libre, con xustiza, reparación e paz", concluíu.