Saltar ao contido principal

O sábado de “tardeo” polos 20 anos de Rádio FilispiM terá emisión en vivo versión festa

  

Os grupos Batalha, ECO e o DJ Pepe Cunha porán banda sonora ao encontro no centro cívico de Canido

O DJ Pepe Cunha (Ábretedeorellas) abrirá e pechará o programa especial en vivo
O DJ Pepe Cunha (Ábretedeorellas) abrirá e pechará o programa especial en vivo
Cedida

A radio libre e comunitaria ferrolá Rádio FilispiM, que non emite publicidade nin admite patrocinios ou subvencións públicas, celebrará este sábado 15 os 20 anos que cumpre de retransmisións ininterrompidas. Para esta celebración no centro cívico de Canido propoñen unha festa en sesión de “tardeo”, na que se emitirá un programa en vivo, que incluirá as actuacións das bandas Batalha, que se presenta por vez primeira ao mundo, e ECO, proxecto xurdido a raíz da Mocidade coa Lingua 2025, nun inicio como Esquíos Roqueiros.

O espazo no que terá lugar este encontro é, precisamente, o lugar dende onde emite actualmente Rádio FilispiM, “un proxecto de comunicación horizontal inédito en Ferrol e comarca”, que celebra por partida dobre a súa traxectoria por tela desenvolvido “nun contexto legal de incertidume, pese a cumprir todos os requirimentos da disposición transitoria terceira da Ley General de Comunicación Audiovisual de 2022 para ter título habilitante”.

Así pois, o Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM aproveita a ocasión para reivindicar que existen centos de proxectos de comunicación libre e comunitaria, tanto a nivel estatal como internacional, como Rádio FilispiM, que forma parte do terceiro sector da comunicación dende que se fundou no 2003.

Programa

A axenda, que inclúe sorteos de novas camisolas polo 20 aniversario, comezará ás 17.00 coa actuación do DJ Pepe Cunha (Ábretedeorellas), que volverá ás 20.00 ao programa, no 102.3 FM. Ás 18.00 está previsto que comece o indie de Batalha (Óscar Quant, Manel, Melo e Dim) e ás 19.00, o rock de ECO (Gabri, Rubén, Adri e Helena).