Saltar ao contido principal

La Galería O legado incompleto de Ruth Matilda Anderson

 




O mundo da cultura de Galicia, o institucional e o de base, mantén desde hai un século unha débeda con Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa norteamericana que durante un periodo total de 18 meses –entre 1924 e 1926– rexistrou os detalles dun mundo, o rural previo á chegada plena da industrialización, que comezaba a esmorecer.

De formación académica e cultural moi sólida e, desde logo, avanzada para a época, Anderson realizou unha inmersión total, tamén lingüística, que lle permitiu captar con toda a fidelidade posible a alma do pobo galego, principalmente dos “actores de reparto”, as mulleres e a infancia, naquela encarga que lle fixera a Hispanic Society of America para inmortalizar os “redutos” das comunidades pre-industriais de España.

O seu traballo foi extraordinario e chegou parcialmente a Galicia desde finais dos anos 90, sobre todo pola aposta decidida de Afundación, que promoveu e difundiu por cidades e logo tamén por vilas algunhas das imaxes máis representativas de cantas tirou a fotógrafa de Nebraska durante a súa estadía no país.

O coñecemento sobre Anderson foi ampliándose paseniñamente desde aquela primeira mostra organizada polo Centro Galego das Artes da Imaxe –CGAI– baixo a dirección de José Luis Cabo. A última achega é obra de Alba Rodríguez, escritora e tradutora que vén de publicar en Laiovento 'Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes', un ensaio sobre o que ensinou e o que se lle debe a unha muller realmente extraordinaria.

A investigadora e tradutora Alba Rodríguez afonda nun ensaio en Laivento na relación con Galicia da fotógrafa que a retratou entre 1924 e 1926

Rodríguez non ten dúbidas sobre a importancia desta fotógrafa de ampla formación, “inusual para a época”, precisa. “Comezou a integrarse no eido da fotografía a través do estudo que o seu pai rexentaba en Kearney –Nebraska–, fixo maxisterio, trasladouse a Nova York e matriculouse na escola de fotografía, onde traballou cun tipo de imaxe máis específica, encamiñada ao documental, que era o tema que Clarence H. White quería trasladar a moitas das súas estudantes”, apunta a autora de “Tradutora das marxes”.

Esa etapa foi determinante para que, pouco despois, recibise a chamada da Hispanic Society of America, a propietaria do legado de Anderson na actualidade. Por recomendación de White, Acher Milton Huntington, o presidente da entidade, comentoulle que estiveran pensando nela “para converterse en investigadora sobre o terreo nun lugar tan inhóspito e descoñecido en Estados Unidos como podía ser Galicia”, lembra Alba Rodríguez.

E cal era a idea dun “absoluto hispanófilo” coma Huntington?

“El”, explica a tradutora, “nas súas viaxes a España apreciou como a industrialización e a modernización eran procesos absolutamente inevitables e que, desde o seu punto de vista, se implantarían a unha velocidade tan lixeira que acabarían por facer esmorecer eses mundos tradicionais que el coñecera no remate do XIX e o principio do XX. O seu propósito coa Hispanic era gravar canto antes a memoria dese mundo que esmorecía para ter un rexistro do que fora e poder analizalo grazas ao material recompilado”. Huntington pensou que a preparación de Ruth Matilda Anderson lle permitiría facer ese traballo.

Chegou a Vigo en agosto de 1924. Non foi unha estadía ininterrompida entre 1924 e 1926 –tamén estivo en Castela ou Extremadura–, pero durou 18 meses. Un ano e medio, subliña a autora de “Tradutora das marxes”, “vivindo, convivindo coa xente, no país, descubrindo, interesándose e, sobre todo, desde unha mirada para nada prexuizosa, xulgadora, senón desde un punto de vista de comprensión, entendemento e empatía, algo que se reflicte nas súas imaxes”.

Alba Rodríguez admira moitos aspectos de Anderson. Interésalle a parte visual, si, pero sobre todo “o que podemos ler e aprender nos seus textos, que se nos quedaran descolgados: as mulleres tamén escribían”.

Efectivamente, Anderson tamén escribiu, e non pouco. “É admirable como unha señora con esa bagaxe percorre Galicia, intégrase, compréndea e retrátaa en máis de 5.000 imaxes e, a maiores –aínda que 13 anos despois– publica un libro Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña no que nos dá unha visión do noso país da que careciamos e que nos permite completar esa versión que se nos presenta, masculina e da que están completamente ausentes as mulleres e a infancia. Por contra, nas fotos de Matilda vemos e lemos mulleres e infancia, é dicir, o retrato do que fomos antes de que o franquismo viñese asolagalo todo”.

Rodríguez insiste na capacidade de integración, de mímese, que mostrou Ruth Matilda. “Era froito da humanidade e da sensibilidade; ela non coñecía Galicia antes de vir, pero preparouse a conciencia; cando chegou xa se manexaba con fluidez en castelán e preocupouse moito por aprender a lingua galega, o que dá unha boa pista sobre a calidade da persoa que aceptou o encargo de Huntington”, engade, “ao combinar eses coñecementos teóricos e técnicos con esoutra parte máis vinculada ao popular, ás xentes...”. Lembra a autora que a poboación galega, hai un século, era maioritariamente –un 92%– rural e Anderson tiña mi claro que para poder acceder aos seus ‘suxeitos de estudo’ o necesario era poder comunicarse de maneira directa, e a lingua era a chave, a canle”.

Anderson tradutora

Anderson era fotógrafa, pero, subliña Alba Rodríguez, tamén escritora. “E facíao”, resalta, “de moitas maneiras, como autora e como tradutora”. O interese do ensaio recén publicado encamíñase máis cara a esta última faceta e ás cuestións que suscita a lectura de “Gallegan Provinces...”. “Chamoume a atención que traducise certos poemas de Rosalía de Castro ao inglés e deume por fabular que puidese ser ela a primeira tradutora ao inglés directamente do galego”, apunta, aínda que finalmente non foi así. “O máis probable é que sexa Aubrey F. G. Bell no seu estudo Spanish Galicia”, admite Rodríguez, pero no que si foi pioneira Anderson foi en realizar o maior número de traducións de textos de Rosalía, directamente desde o galego, ata 1964. É unha franxa de tempo inmensa que para min implicou unha pregunta: como é que isto non está rexistrado?”.

Esta é unha das débedas que Galicia mantén coa fotógrafa de Nebraska, pero non a única. “Que nos devolvese esa memoria que estivera vivindo nas marxes, oculta, durante tantísimo tempo, que é a memoria das mulleres e a memoria da infancia. Case nada”. Por iso, Alba Rodríguez cree que hai moito que facer aínda co legado da norteamericana. “Deberiamos recuperar para nós, para termos e amosarmos e, sobre todo, lermos, o que está na Hispanic Society of America: só coñecemos un 10% das máis de 5.000 imaxes que fixo”. Pero, tamén, urxe reparar un erro histórico: traducir por fin ‘Gallegan Provinces’ (1939). “Necesitámolo. Por que outros si entraron no noso canon, moi parecidos en temáticas, e non este? Precisamos rescatalo porque constitúe unha parte da nosa herdanza. Necesitamos dármonos esa memoria que se nos quedara atrás”.