Os trastornos do espectro autista requiren dunha abordaxe integral das necesidades dos pacientes, orientada a facilitar un apoio individualizado, especializado e baseado na evidencia científica.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que a Xunta reforzará o coidado dos nenos e adolescentes con trastorno autista, elevando até os 21 anos a súa atención nas unidades infanto-xuvenís de saúde mental dos hospitais galegos. O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado da directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade, Begoña Abeijón, interveu este sábado no acto conmemorativo do 30 aniversario da Federación Autismo Galicia: Infinitas miradas, unha mesma visión. Infinitos camiños, unha mesma rede.
Neste evento, do que informou a Xunta nun comunicado, Caamaño puxo en valor a colaboración permanente da Xunta coa Federación Autismo Galicia para apoiar as súas actividades de formación, sensibilización e accesibilidade cognitiva. O conselleiro sinalou que a man da Xunta estará sempre para seguir colaborando para dar unha asistencia de máxima calidade ás persoas con autismo e atención ás súas familias.
ABORDAXE INTEGRAL
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que os trastornos do espectro autista requiren dunha abordaxe integral das necesidades dos pacientes, orientada a facilitar un apoio individualizado, especializado e baseado na evidencia científica. Así, incidiu en que as medidas e a atención deben ser transversais, tocando todos os contextos nos que se desenvolve a persoa ao longo de todas as etapas da súa vida.
Para garantir unha mellor atención, a Xunta lembrou que existe en cada área sanitaria unha unidade especializada de atención á saúde mental infanto-xuvenil. Ademais, as consultas de neuropediatría desempeñan un papel fundamental, e tamén desde a atención primaria o Sergas fai un seguimento e revisións nos primeiros anos de vida a través do programa Neno san.