Saltar ao contido principal

Miles de persoas mobilízanse na Galiza na xornada de paro xeral por Palestina

 A chamada das organizacións sindicais a un paro xeral por Palestina plasmouse esta cuarta feira en concorridas mobilizacións nas rúas, paros parciais e concentracións ante centros de traballo nas diferentes comarcas galegas, nunha xornada marcada, denuncian os sindicatos, por uns servizos mínimos "abusivos". 


De Stellantis en Vigo a Navantia en Ferrol, pasando polo CHUS compostelán a sede da Xunta da Galiza en Lugo, pasando por boa parte dos centros de ensino da Coruña. Estes foron só algúns dos centros de traballo da Galiza nos que esta cuarta feira traballadores e traballadoras participaron nos paros ou folga convocadas en apoio ao pobo palestino e que acolleron concentracións ante as súas portas. A xornada de paro xeral por Palestina estivo marcada por un seguimento desigual, como recoñeceron as centrais —"houbo unha elevada incidencia en sectores como ensino e os grandes centros de traballo", afirmou a CIG—, nunha convocatoria condicionada por uns servizos mínimos "abusivos" fixados pola Xunta "de case 100%", que "impiden na práctica o exercicio á folga" e e que limitaron a incidencia da folga en función pública, sanidade e xustiza. A Xunta cifrou o seguimento da folga en case 9% na xustiza e en 1,27% en sanidade. 


Os paros convocados pola CIG eran de catro horas por quenda e incluían 15 manifestacións laborais durante a mañá noutras tantas localidades galegas e que tiveron unha elevada participación de "milleiros de persoas", segundo o sindicato nacionalista. UXT e CCOO convocaron paros de dúas horas  e nove mobilizacións, tamén cunha importante concorrencia. Aliás, a CUT, o sindicato de profesorado STEG e CXT convocaron folga xeral de 24 horas. Tamén no ensino, organizacións como Erguer-Estudantes da Galiza e o Sindicato de Estudantes chamaron a parar e "baleirar as aulas". Miles de estudantes tomaron parte nos paros e mobilizacións.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril puxo en valor a resposta dada esta cuarta polas traballadoras e traballadores galegos "nunha xornada que se suma ás máis de mil cen mobilizacións convocadas na Galiza ao longo destes dous últimos anos para denunciar o xenocidio do pobo palestino”. 

Rachar relacións con Israel

Engadiu Carril que esta xornada de paro e mobilizacións ten que servir tamén para exixir medidas políticas e económicas reais e efectivas contra o Estado xenocida de Israel, que pasan porque a Unión Europea, o Goberno español e o Goberno galego "rachen as relacións militares, comerciais e diplomáticas mentres non remate a ocupación ilegal da Palestina".

Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, manifestou que con estas convocatorias "seguimos adiante porque entendemos que hai que dar garantías ao pobo palestino de que esa paz vaia ser duradeira". Cristóbal Medeiros, secretario xeral da UXT-Galiza, mostrou a súa desconfianza cara ao cumprimento do acordo de cesar o fogo: "Non nos fiamos porque, a pesar de que celebramos o cesamento do fogo e a entrada en Gaza da axuda humanitaria, esa paz ten que ser para facer valer os dereitos do pobo palestino".

 As manifestacións laborais convocadas polos diferentes sindicatos non se limitaron ás sete cidades, senón que tamén se estenderon por localidades como Vilagarcía, Carballo, Verín, Ribadeo, Monforte, Ribeira, A Estrada  A Guarda ou Cangas, sumando entre todas miles de persoas. "Desde río até o mar, Palestina vencerá", "Non ao xenocidio" ou "Netanyahu asasino" foron algunhas das consignas amplamente coreadas nas mobilizacións. Parte delas volverían repetirse xa pola tarde nas concentracións convocadas pola tarde en case 50 concellos galegos pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina baixo  lema Galiza con Palestina. Solidariedade obreira e internacionalista.

Unha vaga solidaria que percorreu o Estado

O15 de outubro non se limitou á Galiza, senón que tamén se deu noutras comunidades do Estado. A convocatoria de paro xeral lanzouse antes do acordo de cesar o fogo para exixir a fin do xenocidio. A sinatura do pacto entre Israel e Hamas non desconvocou unha xornada coa que se quería dar unha imaxe mundial da solidariedade da clase traballadora co pobo palestino. E así foi. En Euskal Herria os paros convocados por ELA e LAB "baleiraron centos de centros de traballo" e reuniron nas manifestacións das cidades vascas máis de 110.000 persoas, segundo informan os medios vascos.

En Catalunya miles de persoas mobilizáronse para exixir a fin da ocupación e a paz en Palestina nunha xornada con abundante presenza de piquetes en determinados polígonos industriais e ante as grandes cadeas comerciais, así como tamén houbo cortes de estradas e accesos a cidades como Barcelona durante algúns momentos. En Madrid, Sevilla ou Zaragoza, no Estado español, tamén foron decorreron importantes mobilizacións, mentres que o seguimento dos paros foi desigual; ao igual que nas illas Canarias, onde 60% do alumnado non universitario secundou a folga, segundo a televisión pública das illas.