Saltar ao contido principal

A FLOTILLA

 XOAN RUBIA




Vaia por diante que calquera cousa é boa para denunciar e protestar polo que está acontecendo en Gaza a man do goberno de Israel que a min me parece un xenocidio en toda regra sen pretender entrar en discusións semánticas que neste caso a nada conducen. Resulta que unha das accións de protesta foi a chamada Flotilla Global Samud, corenta e catro barcos pequenos con medicinas e alimentos abordo, cuns cincocentos embarcados dos que máis de sesenta eran españois e que tomou rumbo as costas gazatís, un territorio case devastado polos constantes bombardeos do exército israelí. Reitero, calquera iniciativa para denunciar o que alí está sucedendo é boa incluída esta expedición marítima humanitaria. Pero dito isto pregunto si de verdade alguén chegou a crer que ían chegaren á costa gazatí. Acreditaron os expedicionarios que non ían seren interceptados denantes de chegaren ao seu destino? O normal é que contaran con iso, como así foi. Pero o caso éra chamar a atención e que parte do mundo estivese pendente do que acontecía ou puidese acontecer, e abofé que iso si o lograron. O mesmo algúns tripulantes pasarán agora polos platós de televisión e demais medios de comunicación para contar a experiencia e así o asunto seguirá coleando un tempo máis. Neste aspecto: misión cumprida.

 Logo está o da patrulleira “Furor” que alá foi botar unha man polo que puidese acontecer, e aconteceu que chegados a un punto da singradura os da patrulleira dixeron: Ei mariñeiros, o mellor é que vos deteñades e regresedes a casa pois a cousa se pode volver fea. Como así foi cos soldados israelitas asaltando os barcos e detendo aos tripulantes en augas internacionais. E a patrulleira “Furor”, a velas vir, xa navegaba poñendo rumbo de volta a España non fora ser. E así rematou o episodio da Flotilla Global Samud cos expedicionarios españois detidos e deportados sen que ningún medicamento nin alimento chegase as mans dunha poboación desesperada e indefensa. Pero con todo o obxectivo de chamar a atención conseguiuse malia que iso non fose suficiente. Menos é nada. Os gobernos timoratos de moitos países terían moito que diciren e faceren, pero nin din nin fan.