Saltar ao contido principal

Denuncia complicidade de "La Vuelta a España" con Israel

 

Galiza por Palestina


A participación da equipa Israel Premier Tech na Vuelta a España supón unha nova normalización do xenocidio en Palestina e un apoio explícito ao agresor. O Estado de Israel leva décadas empregando o deporte, a música e a cultura para edulcorar a súa imaxe e aparentar normalidade. O que chaman “a única democracia de Oriente Medio” é en realidade un Estado construído sobre a ocupación sistemática da terra palestina en base a criterios relixiosos e étnicos, mentres a poboación autóctona é masacrada, expulsada e privada dos dereitos fundamentais nun réxime de apartheid, sostido polos Estados Unidos, a Unión Europea e outros gobernos occidentais.


Nos últimos dous anos, case 70.000 persoas foron asasinadas e milleiros máis feridas e mutiladas. Israel destrúe vivendas e terreos de cultivo, bombardea hospitais, despraza masivamente comunidades enteiras, asasina xornalistas e impide a entrada de alimentos e medicamentos para empregar a fame como arma de guerra. Esa é a verdadeira marca Israel, que non pode disfrazarse cos valores do deporte.

A equipa Israel Premier Tech, fundada por magnates sionistas como Ron Baron e Sylvan Adams, está directamente patrocinada polo Estado de Israel como parte das súas campañas de lavado de imaxe internacional. A Vuelta a España, aceptando esta participación, ten as mans manchadas de sangue palestino.


Desde A Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina chamamos a todos os colectivos, asociacións e movementos sociais a sumarse á mobilización durante as etapas da Vuelta a España 2025 en Galiza (7-10 de setembro).


Segundo a Convención Internacional contra o Apartheid no Deporte, os estados que manteñen políticas de segregación e opresión sistemática non deben participar en eventos internacionais. Igual que se boicoteou á Sudáfrica racista, hoxe toca berrar alto e claro:

FÓRA ISRAEL DO DEPORTE INTERNACIONAL! 


Non no noso nome. Non aceptamos que se empregue o ciclismo nin o diñeiro público para normalizar a limpeza étnica e a ocupación ilegal.
Galiza con Palestina.


 

Galiza, 3 de Setembro de 2025

Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina