Supoño que son rachas que hai no transcurso da vida das persoas. Pero un leva algúns meses despedindo amigos e familiares de persoas do meu entorno máis íntimo. Así, a vida foise achicando neles cando pola súa idade non lles correspondía aínda. Do mesmo xeito que non somos nós cando decidimos vir á vida, tampouco decidimos “cando toca marchar”. Houbo quen marchou de súpeto, dun momento para outro, sen máis. Houbo quen sabía que tiña o tempo contado, “decidiu” como quería vivir a etapa final e como marchar.
Todos deixan baleiros e desasosegos. Faltan a ese café e a ese faladoiro, ou a esas “quedadas” ocasionais que se fan costume polo simple feito de volvernos encontrarmos en calquera rúa, na que se reinicia aquela conversa de hai tempo como se fora duns minutos antes.
Elas e eles ensináronnos a ser, a crecer e a estar, a amar, chorar e a rir. Para todas elas e todos eles que marcharon, vai a lembranza das amigas e dos amigos, das familias, da xente que sempre os quixeron e seguimos a querelos. Sabemos que tamén somos porque elas e eles formaron parte da nosa vida. Somos testemuña do seu paso e do seu saber facer. Todos somos fillos desta terra e deste tempo. Apertas afectuosas para o alén.