Ante a violación sufrida na noite do martes por unha muller en Ferrol-agresión que apuntan nos medios de comunicación que puido ser cometida por varios homes-, desde a Marcha Mundial das Mulleres de Ferroltterra queremos manifestar:
Máis alá deste caso concreto, a violencia forma parte da vida das mulleres no seu conxunto, xa sexa de forma brutal, como neste caso, ou de forma máis encuberta, menos explícita ou máis normalizada. Se queremos acabar coa violencia máis extrema debemos tomar medidas que atallen todos os tipos de violencia,
educando na igualdade e sendo belixerantes con todo tipo de desigualdades de xénero.
Nos últimos tempos asistimos a un incremento da violencia contra as mulleres,
como testemuñan os datos de agresións denunciadas e feminicidios. Esta situación debería facer recapacitar a sociedade, nomeadamente a quen ten responsabilidades políticas nesta materia, para reorientar o enfoque das políticas de igualdade e contra a violencia. Se realmente existise interese por parte do goberno da Xunta, este recoñecería que errou ao separar as funcións de violencia e igualdade en dous departamentos, como xa temos denunciado. Ademais o goberno galego debe modificar o discurso que carga a responsabilidade nas mulleres, como é o caso das declaracións da Conselleira de Igualdade ante o feminicidio da traballadora do SAF do Porriño, ou tamén as do Director Xeral contra a violencia de xénero, porque em demasiados casos non evita ser asasinada.
Por outra parte, quen ostenta cargos institucionais nos pode mostrar fisuras no discurso contra a violencia machista á hora de axuizar as denuncias por agresión cando os denunciados son persoas afíns, como ocorreu coas intervencións do presidente Rueda sobre a demisión do Conselleiro de Pesca, nas que quitou toda credibilidade á muller denunciante.
O Consello de Contas, moi acaidamente, ven de pór reparos á Xunta pola carencia de investimentos en medidas de prevención contra a violencia de xénero,deixando ver a neglixencia da Xunta de Galiza na programación de medidas de educación en igualdade. A isto engadimos a falta de análise de resultados das políticas practicadas para revisar o que non funciona.
As mulleres da Marcha, exiximos un cambio de rumbo nas políticas de igualdade de xénero e que a erradicación da violencia contra as mulleres sexa unha prioridade para os gobernos. Desde xa demandamos o cumprimento da lei intregal contra a violencia machista e a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan en todos os niveis institucionais. Ao mesmo tempo exiximos unha resposta social contundente fronte os discursos negacionistas da violencia machista e os discursos de odio, pois a violencia machista está presente en todos os sectores da sociedade.