A historia de Bernardino merece ser lembrada: no ano 1936, ao regresar do muíño, foi testemuña dos fusilamentos na igrexa do Val. O medo marcou aqueles días para el: meteuse na cama e, ás dúas semanas, faleceu do pánico.
Localización: Estudo do fotógrafo ferrolán Bernardino González
Contexto: Foto de Estudo
Notas
Dato histórico: Na noite do 26 ao 27 de decembro de 1936, tivo lugar unha das execucións máis numerosas en Galicia durante a Guerra Civil. Foron fusilados 34 mariñeiros e militares do Arsenal de Ferrol, 32 da dotación do acorazado "España" e 2 do Transporte de Guerra "Contramaestre Casado".
A execución comezou o día 26 ás 23:00 horas no atrio parroquial, diante da parede norte da igrexa do Val. Os corpos foron soterrados no cemiterio parroquial, nunha fosa común preparada con antelación.
Ao día seguinte, por orde do cura, un grupo de mulleres tivo que limpar a parede exterior da igrexa dos restos orgánicos.
Diversos testemuños veciñais confirman que os fusilamentos se fixeron contra a parede norte, a que da ao cemiterio novo, de noite, para evitar ser vistos.