De todos é sabido a mala prensa que ten o eucalipto e o deostado que está por uns e outros porque o consideran unha especie invasora que se asentou pola nosa terra comendo terreo e impedindo a proliferación de especies autóctonas. Malia iso a min non me pareceu nunca unha árbore maldita sobre todo dende que a miña avoa fervía as súas follas e baias e eu inhalaba aqueles vapores co gallo de aliviar a tos. O eucalipto sempre foi para min unha árbore amiga. Un relixioso no século XIX trouxo a Galicia sementes dende Australia e a partires de aí vexan a que se montou co eucalipto.
A pasada semana estiven por terras de O Vicedo e de Viveiro e cuns amigos fomos visitar o chamado Souto da Retorta, monumento natural, coñecido tamén polo Eucaliptal de Chavín. Pagou a pena introducirse nesas escasas tres hectáreas á marxe dereita do río Landro onde proliferan uns seiscentos eucaliptos monumentais, xigantes, espectaculares. Entre eles destaca o chamado “O Avó” , un exemplar que foi plantado no ano 1880 que alcanza os setenta metros de altura cun diámetro duns dez metros na súa base: un auténtico prodixio da natureza considerado como a árbore máis grande do pais xunto a outros eucaliptos que non lle van á zaga nisto do tamaño. Din que se plantaron alí para drenar os terreos da marxe do río que se anegaban con moita frecuencia. Por suposto é un área protexida na súa totalidade e ao redor do “Avó” puxeron unha vaia de madeira para evitar que o terreo se compacte polas pisadas dos visitantes xa que a árbore, pola súa idade, ten enfermidades que requiren coidado esmerado.