Saltar ao contido principal

Radiografía do tren en Galicia

 


Ademanda social do transporte ferroviario en Galicia é extraordinaria. Desde o ano 2019, o número de viaxeiros creceu o 50 % ata alcanzar a cifra de 7,4 millóns de persoas. Este enorme incremento da demanda estresou a capacidade do sistema, porque nin ADIF nin Renfe incrementaron o cadro de persoal, nin renovaron o material ferroviario para atender os usuarios.

Galicia non ten conexión en alta velocidade co resto do Estado. Entre A Coruña e Madrid hai 600 quilómetros e o tempo medio de viaxe é de catro horas: 3 horas e 30 minutos o máis rápido e 4 horas e 42 minutos o máis lento. Isto é, a velocidade media non chega a 150 km/h.

Os problemas que lastran a conexión coa meseta e lle impiden ser un servizo de alta velocidade son de infraestruturas (con tramos dunha soa vía), de obras aínda pendentes (como a entrada en Ourense), da propia definición do modelo (conviven dous anchos de vía con intercambiador en Taboadela), de xestión de ADIF e de Renfe (con demoras nas ligazóns de ata media hora) e dun material ferroviario non acaído.

En realidade, a conexión con Madrid ten dúas viaxes radicalmente diferentes: os 430 quilómetros de Madrid a Taboadela (Ourense) fanse en menos de 2 horas e os 165 de Taboadela á Coruña necesitan outras 2 horas, e 2.30 horas no caso de Vigo.

Asemade, o deseño do transporte ferroviario en Galicia esqueceuse do tráfico de mercadorías. Falo dos enormes atrasos nas conexións aos portos e das graves carencias na rede. Entre outras cousas, porque a liña de alta velocidade non se fixo compatible cos trens de mercadorías. O resultado é que a cota de transporte ferroviario de mercadorías en Galicia non chega ao 1 %.

O eixo Atlántico está sen rematar, con dúas graves eivas que lle impiden ser o gran eixo artellador do transporte ferroviario en Galicia: a conexión con Ferrol e a saída sur de Vigo para conectar con Portugal, infraestrutura clave para a maior interrelación nunha eurorexión de máis 6 millóns de habitantes. Ademais, a rede ten graves deficiencias nas conexións coa Galicia interior, especialmente con Lugo.

A rede e os servizos ferroviarios non dan a resposta axeitada á distribución territorial da poboación en Galicia, maiormente estruturada en torno a un anel de cidades no que se pode vivir, traballar, estudar ou lecer en diferentes nodos; mais que esixe un sistema de mobilidade sostible e eficiente, co tren como ferramenta indispensable. Para iso urxe unha mellora substancial tanto das frecuencias como da adecuación dos horarios ás necesidades das persoas usuarias. Tamén, un aumento significativo do número de prazas ofertadas. A liña A Coruña-Vigo transportou máis de 5,3 millóns de usuarios en 2024, converténdose no traxecto de media distancia máis demandado en toda a rede española.