As bombas que caen en Palestina soan en Ferrol nunha xornada de concentracións e apoio á Marcha a Gaza
Este foi parte do manifesto de Ferrol con Palestina. BDS, lida pola activista Ana Santiago, que comezou coa reivindicación do compañeiro Celso Posada, de “esixir que o goberno español deixe toda relación co estado terrorista de Israel, e iso inclúe retirar os barcos da Armada que no Mediterráneo oriental apoian a flota dos Estados Unidos e da OTAN”, como aliados do anterior. O aumento da presión pasa pola toma de decisións a nivel individual, animando a “difundir e practicar o boicot activo contra todo produto, servizo e actividade que beneficie ao Estado de Israel, apoiando as campañas do movemento internacional BDS, de orixe palestina”, continuou.
Na intervención lembrou o impedimento da Flotilla da Liberdade a cumprir o seu obxectivo de romper o bloqueo a Gaza, que “non puido ser posible porque militares israelís, vulnerando unha vez máis o dereito internacional, secuestraron en alta mar a persoas participantes nesa iniciativa solidaria”. Do mesmo xeito, deu conta da ameaza que sofre a Marcha Global a Gaza do 15 de xuño, “con detencións e deportacións practicadas polo goberno exipcio”, tal e como confirman os dous ferroláns que se uniron ao percorrido. Para Inácio Martínez e Xan Lopes reclamouse apoio tanto a nivel cidadán como institucional, do Concello de Ferrol.
“Temos que denunciar que o presidente da Xunta recibiu recentemente ao embaixador en Madrid do estado terrorista israelí: ademais de ser ese un acto de desprezo ás vítimas palestinas, tamén o é de apoio aos seus verdugos”, relatou Ana Santiago, lembrando a orde do Tribunal Penal Internacional de detención a Netanyahu por crimes de guerra. A concentración no Cantón adquiriu un tinte máis especial ao facer protagonista a Amir Ismail, nacido en Gaza hai 60 anos e escapado fai 43, que compartiu cos presentes o seu recordo, cando era ben pequeno, de escoitar directamente na súa casa as mesmas bombas que resoaron onte, en diferido, en Ferrol.
“Letra a letra”, este médico palestino apoiou o manifesto e aproveitou a oportunidade para dar voz á historia do seu pobo, que padece un “sufrimiento que ha empezado en 1897, antes de la I y II Guerra Mundial”, sinalando que as masacres non se remontan a outubro do 2023 como se adoita comunicar. Ao remate, a activista e artista Helga Méndez, recitou “Amor ao estilo palestino”, un poema de Abd al-Latif Aql, antes de que se deixara o micro aberto a calquera interesado.
Os ferroláns na ruta internacional chegan ao Cairo e agardan instrucións
Xan Lopes e Inácio Martínez son os dous ferroláns que partiron esta semana ao Cairo, onde xa se atopaban onte xunto a outros participantes na Marcha Global a Gaza. Neste momento, os trece coordinadores estanse reunindo coas decenas de delegados internacionais que xestionan a iniciativa, coa fin de dar instrucións.
“Estase convertindo nun problema de orden público en Exipto”, sinala Martínez ante as accións emprendidas contra os participantes, concretando que non presenciou enfrontamentos directos coa policía e que apreciou xestos de apoio popular. En todo caso, deu conta de que, tras o ataque a Irán, a súa posible resposta agrava a situación e “se antes estaba moi difícil que puideramos realizar a marcha até Rafah, agora penso que é totalmente imposible”. Os que están máis preto do destino son dous compañeiros galegos da delegación española, Edi e Alberte, que lograron chegar a Port Saíf.
PRAZA de ARMAS