Saltar ao contido principal

NESSUN DORMA | Viana, o esquecido Schindler galego

 Memoria en #Nordesía: Juan Galán recupera a figura de Alejandro Viana Esperón



A Ley de Memoria Democrática, de outubro de 2022, establece de maneira oficial a celebración do 8 de maio como Día de Homenaxe ás Vítimas do Exilio, como consecuencia da Guerra Civil e a ditadura franquista.


Moitas son as persoas que son merecentes de ser recordadas ese día, pero hai unha en particular, moi pouco coñecida polo gran público, que desenvolveu un labor determinante. Trátase da figura de Alejandro Viana Esperón, responsable do SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles) que tanto traballou a prol dos refuxiados nos campos de concentración franceses, proporcionándolles diñeiro, medicinas, roupas e, tamén, en moitos casos, pasaxes para poder emigrar a América. 

 

Grazas ao seu esforzo –non suficientemente recoñecido–, Viana foi quen de salvar uns 17.000 compatriotas, que temían pola súa vida se eran repatriados –polas autoridades francesas ou alemanas– á España trala finalización da guerra.

A principios de abril estivo na nosa comarca Roberto Mera Covas, sobriño bisneto de Alejandro Viana, quen presentou o seu libro titulado Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos (Belagua, 2021), no que “narra a extraordinaria odisea iniciada o 18 de xullo de 1936 polo seu tío bisavó, recuperando para a historia a proeza dun home íntegro e entregado aos demais”.

 

Quen foi Alejandro Viana?


Viana naceu en Ponteareas en 1877. Industrial e deputado republicano de esquerdas antes da guerra, Viana era de familia humilde. En 1891 trasládase a vivir a Vigo, onde cursa estudos de Comercio e Contabilidade. A principios do século XX convértese nun persoeiro relevante da política, o empresariado e a sociedade da cidade olívica, onde exercerá como concelleiro, industrial da conserva e da exportación de ovos, ademais de directivo de diversas sociedades. 

 

Nas eleccións de febreiro de 1936 sairá elixido deputado pola provincia de Pontevedra na candidatura do partido Izquierda Republicana, de Manuel Azaña. O 17 de xullo fai entrega, xunto con Castelao e otros intelectuais e políticos galegos, do proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia. Co golpe de Estado en marcha, Viana non pode regresar á súa terra e xa non o fará máis, morrendo no exilio (México DF) en 1952.


Tras pasar a Francia en febreiro de 1939, o Goberno republicano –presidido por Negrín– coloca á fronte do SERE ao embaixador en Inglaterra Pablo de Azcárate, como director xeral a Osorio-Tafall e como xefe do Servizo de Emigración ao propio Viana, quen se encargará de “organizar as expedicións de refuxiados cara a outros países” ocupándose, entre outras cousas, “da obtención de visados e pasaportes, embarque dos refuxiados, alugueiro de barcos, xestións de pasaxes, permisos de residencia…” (Roberto Mera Covas, “Alejandro Viana Esperón. Un galego á fronte da evacuación dos republicanos en Francia. 1939-1941”, Grial, nº 212, 2016, p. 140).


Para poder levar a cabo todas estas iniciativas, o SERE e Viana manexarán fondos procedentes de organizacións internacionais de axuda e fondos propios do Goberno republicano no exilio, contando coa mediación do Goberno mexicano e a permisividade do Goberno galo, interesado en que os refuxiados abandonaran Francia o antes posible, xa que supoñían un gasto considerable para as arcas do país.


No seu libro, Roberto Mera explica que Viana organizou unhas trinta expedicións marítimas a distintos países de América, maioritariamente a México. Unha das máis importantes foi a do “Winnipeg”, que saíu do porto de Pauillac (preto de Burdeos) con destino a Chile o 4 de agosto de 1939, levando no seu interior máis de 2.000 republicanos. Este foi o último buque con republicanos que atravesa o Atlántico en situación de paz mundial. Para a historia queda como artífice desta magna empresa o poeta chileno Pablo Neruda, Cónsul Delegado para a Inmigración Española, pero apenas se fala das xestións e a implicación do propio Viana nesta evacuación.


Viana é designado director xeral do SERE o 5 de decembro de 1939. A situación do organismo é delicada pola falta de fondos e o alto número de refuxiados en campos de concentración que ten que atender. A principios de 1940, presionado polas autoridades franquistas, o Goberno francés clausura as sedes do SERE e requisa os seus bens e fondos, acusándoo de procomunista e de estar financiado pola Unión Soviética. 

 

Coa derrota de Francia ante os alemáns e a sinatura do armisticio o 22 de xuño de 1940, o labor do SERE vaise tornar moito mais complicado, ata que é disolto polas autoridades francesas. Alejandro Viana vai seguir axudando na medida do posible arriscando a súa vida, acosado pola Falange e a Gestapo, incluso sendo vítima dun intento de secuestro. 


En 1941, decatándose de que xa non podía seguir exercendo o seu labor humanitario, emprende unha fuxida desesperada, chea de perigos, cara a México, pasando primeiro por Senegal e logo saíndo de Casablanca no “Quanza” (barco de bandeira portuguesa), con cerca de 400 refuxiados españois a bordo. A expedición marítima, xestionada polo JARE (Junta de Auxilio a los Republicanos Españoles) chega ao país azteca en novembro de 1941. Alí, Viana reencontrarase, tras unha separación de once anos, coa súa esposa Josefina Dotras, sabedor de que non poderá voltar a Galicia mentres siga Franco no poder.


Aínda que o 8 de maio conmemoramos o exilio dos republicanos españois, é de xustiza lembrar tamén a todos eses refuxiados que arriscan a súas vidas para arribar ás nosas costa en pateras na procura dunha vida segura e mellor. Aos refuxiados de 1939 e aos do presente, dedícolles estes fermosos versos do poema “Las costas del olvido”, da poeta ferrolana –pero eumesa de corazón– Alejandra Bellón Tenreiro (Poemas de grafito, Libros Indie, 2022):


“No puedo contarlo,/ no puedo,/ pero aún así lo escribo/ Que a mares mueren,/ a mares,/ escapando hacia el exilio./ Antaño nos mataba el hambre/ Antaño nos mordía el frío,/ y cruzamos cordilleras (…)./ Pero hubo manos abiertas,/ hubo barcos y cobijo,/ tierras que nos dieron panes/ y el abrazo del auxilio./ Hoy son ariscas las tierras,/ pueblos carentes de oídos,/ sin ojos, sin voz, sin brazos/ sin memoria, sin destino./ Gigantes fosas las aguas./ Fronteras llenas de espinos./ Patrias de puertas cerradas (…)”.