FACEMOS UN CHAMADO ÁS ORGANIZACIÓNS POLÍTICAS , SINDICAIS, ORGANIZACIÓNS CULTURAIS E VECIÑAIS E DIFERENTES MOVEMENTOS SOCIAIS , Á SOCIEDADE CIVIL A QUE UNAS SUS VOCES POLA PAZ E A LIBERDADE NA PALESTINA E QUE OS GOBERNOS POÑAN EN MARCHA ACCIÓNS DE PRESIÓN A ISRAEL PARA DETER A MATANZA E RECOÑEZAN DE XEITO INMEDIATO O ESTADO PALESTINO
A conmemoración da Nakba ten este ano un carácter especialmente importante debido á situación de xenocidio que Israel está a impor sobre a poboación civil palestina na Faixa de Gaza desde outubro de 2023, e que deixou xa máis de 35 mil vítimas mortais (sen contar as persoas desaparecidas), das cales máis de 17 mil son crianzas.
O nivel de violencia empregado por Israel en Gaza, subliñouse no manifesto lido por Iolanda Muíños e Mabel Rivera, non ten comparación coas agresións anteriores e nestes sete meses a Faixa sufriu un proceso de destrución nunca antes visto, con miles de persoas mortas e feridas, o desprazamento forzoso de 1,4 millóns de persoas, a destrución das infraestruturas vitais como os hospitais, e sen posibilidade de acceso a un subministro de axuda humanitaria regular polos constates cortes de Israel, que utiliza a fame e a sede como arma de guerra. As agresións tamén se teñen estendido en forma de asasinatos e secuestros na Cisxordania, en Xerusalén Leste e en todos os Territorios Ocupados.
Neste día da Nakba, 15 de maio de 2024, facemos un chamado ás organizacións políticas e sindicais, organizacións culturais e veciñais, movementos sociais polas liberdades; en definitiva, á sociedade civil galega, a que unan as súas voces e accións pola paz e a liberdade na Palestina e que presionen as diferentes instancias que nos gobernan para que asuman dunha vez para sempre o dereito dos pobos á libre determinación e, en consecuencia, poñan en marcha accións concretas de presión a Israel para deter a matanza e recoñezan de xeito inmediato o Estado palestino do río ao mar