Saltar ao contido principal

Un balance positivo da xestión da dependencia na Galiza?

 


Dende a Asociación en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) reclamamos que se garanta o dereito das persoas en situación de dependencia a acceder ás prestacións e servizos previstos na Lei de Dependencia, a desfrutar de todos os dereitos humanos, así como ao pleno respecto da súa dignidade e intimidade.

Estes días, no transcurso do acto institucional celebrado pola Xunta na Cidade da Cultura en compañía do seu executivo, o presidente Alfonso Rueda facía un balance positivo deste ano de goberno con respecto ás políticas de atención á dependencia, e en especial de medidas como o bono coidado no fogar ou dos coidados nas residencias de maiores e de persoas dependentes.

Desde ASGADeD queremos salientar en primeiro lugar que a utilización das persoas beneficiarias das axudas sociais e a exposición pública das súas circunstancias persoais e familiares como se fixo no antedito acto resulta totalmente inapropiada e mesmo atenta contra a súa dignidade. Todas as persoas, en particular as máis vulnerables, teñen o dereito a recibir os servizos e coidados apropiados, e o feito de que a Xunta pretenda enaltecer un sistema con enormes carencias utilizando as emocións das persoas dependentes e das súa familias apela máis un sistema de caridade propio doutras épocas que de dereito, o cal resulta inxustificable.

Os datos demostran que o balance non é positivo. Segundo as estatísticas oficiais do IMSERSO do mes de febreiro de 2025 seguimos sendo a CCAA na que se presentan menos solicitudes de dependencia por persoa potencialmente dependente, 17,67 persoas por cada 100 (pasamos de 17,81 no 2024 a 17,67 no 2025). A media de solicitudes a nivel estatal sería do 33,42% e en comunidades como Andalucía do 39,95%.

No balance destes once meses do goberno de Alfonso Rueda obsérvase como hai unha redución nas prestacións do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) e un incremento das axudas para coidadores familiares (Bono Coidado no Fogar), precarizando o servizo de atención ás persoas dependentes e incrementando as dificultades das mulleres, principais coidadoras familiares, que rexistran as taxas máis elevadas de enfermidades derivadas da sobrecarga física e mental de coidados que implican estar alerta en moitos casos 24 horas os 365 días sen descanso. No ano 2024 había 25.506 persoas beneficiarias de coidados profesionais do Servizo de Atención no Fogar SAF (28,37%) fronte a 24.373 no 2025 (22,68%). Pola contra, no ano 2024 había 17.600 persoas beneficiadas do bono coidado familiar, fronte a 21.681 no 2025. En contra do recomendado na Lei de Dependencia, a xunta aposta pola potenciación dos coidados non profesionais.

Desde ASGADeD consideramos cando menos un exceso de triunfalismo do presidente Alfonso Rueda presentar unha axuda de 416 euros ao mes como un recurso que garante os coidados profesionais e de calidade necesarios para unha persoa que os precisa 24 horas ao día, ou os medios de vida axeitados e condicións mínimas para as persoas coidadoras.

A falta de recursos e unha xestión ineficaz son ademais a causa de retrasos con efectos moi graves tanto para as persoas dependentes como para as súas familias, superando a agarda media para acceder ás prestacións da Lei de Dependencia os 16 meses e medio, e chegando nos expedientes de valoración de discapacidade, como na provincia de Lugo, aos 3 anos de espera. O tempo medio das resolucións realizadas entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025 foi en Galicia de 388 días, o que contrasta con outros lugares como Castela León por exemplo, no que o tempo medio foi de 116 días, 125 días no País Vasco, 182 días en Aragón…

Moitas persoas dependentes seguen a falecer sen que poidan acceder ás axudas previstas na Lei de Dependencia, e moitas quedan sen os dereitos que lles pertencen, por exemplo debido ás enormes demoras para resolver as solicitudes de modificación dos programas individuais de atención (PIA), cando hai un agravamento da situación da persoa dependente ou precisa un cambio no recurso ou servizo de atención.

A situación das residencias para persoas dependentes é hoxe mesmo peor ca no 2020, antes da crise de Covid-19, posto que neste período incrementáronse as privatizacións dos servizos, non se puxo en marcha ningunha residencia de xestión pública da Xunta, os centros están máis deteriorados, baixouse a ratio de persoal traballador, eliminouse a obrigatoriedade do persoal de enfermería as 24 horas nas residencias de máis de 40 prazas, incorporáronse pacientes con problemas psiquiátricos sen os recursos axeitados para atendelos nas residencias de maiores, e en xeral deterioráronse os coidados das persoas dependentes, tanto no que se refire as pautas de tratamentos médicos, a calidade da alimentación, a hixiene e a limpeza, ou as condicións do persoal que traballa nas residencias.

Dende ASGADeD seguimos a traballar na defensa dos intereses e calidade dos coidados prestados ás persoas usuarias con discapacidade e/ou dependencia, e fortalecendo as redes de persoas usuarias, familiares e profesionais que loitan por un sistema de atención á dependencia público de calidade.