A deriva armamentística na que estamos inmersos pretende levarnos a situacións nas que a cidadanía ten un papel pasivo. Aceptando o que o poder institucional proxecta. Creando dende altas instancias, como a Comisión Europea, solucións grotescas. Exemplo, o kit de supervivencia que ensina nos medios a comisaria "de igualdade e cris" H. Lahbib
Os cambios sociais, incluso despois das revolucións, son lentos. Porén había signos de que algo cambiaba na sociedade que despois das dúas guerras mundiais tiña un obxectivo prioritario a nivel mundial: a paz e a defensa de valores humanos. Herdanza das Table des Droits de l'homme et du citoyen de 1793, onde igualdade é valor prioritario, é a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 aprobada pola Asemblea Xeral da ONU. Os valores son igualdade, liberdade e non discriminación.
O protagonismo mundial dos EUA contra "o eixo do mal" e outras razóns, foron mudando a orde dos valores.
Entendemos por democracia só o resultado dunha votación formal. Non se cuestiona a participación cidadá, nin a súa información. O valor da opinión pública, neste contexto, no que só os votos permiten o control do poder é fundamental e insubstituíbel. É así como comprando medios de comunicación compramos a opinión da cidadanía. Conducida a votacións enganosas, manexadas por un poder demagóxico. En aparencia todo normal.
A oposición a esta política ten necesidade perentoria de formar-informar. De prensa libre, de leis que protexan o ben público, o ben de todos. Aplicadas por un poder xudicial non sometido a grupos de presión.
A mocidade é o futuro. É imperioso un ensino crítico e a formación dunha cidadanía libre fronte á política destrutiva dos valores humanos e sociais que protagoniza a dereita e a ultradereita.
Advirte J. Habermas que o fascismo histórico cambiou. Que na era dixital o autoritarismo ten novas formas e poder mundial. Aconsella a UE fronte ao "gobernado por un orador narcisista" e "estar asistindo á exposición clínica dun caso psicopatolóxico", ter "capacidade colectiva" de maior integración dende a obrigatoriedade do Dereito Constitucional, tanto na política exterior como na defensa europea común, suxeita a decisións maioritarias, onde un Estado non poida ser superior a todos os seus veciños como pretende o goberno alemán.
Este é o novo fascismo do que nós temos exemplos preclaros na nosa terra.