Denuncia contra 10 británicos por crimes de guerra no enclave palestino.
En paralelo, un informe da entidade non gobernamental Breaking The Silence, que documentou relatos dos militares, ratificou que “mediante unha destrución xeneralizada e deliberada, as tropas sentaron as bases para o futuro control israelí da zona”.
Asemade, os Estados Unidos, principal aliado e provedor armamentístico israelí, sumáronse ás afirmacións sionistas, sen amosar probas, de que Hamás, que goberna Gaza, utiliza ambulancias con fins bélicos e “escudos humanos para o terrorismo”, nunha tentativa de xustificar o asasinato a finais de marzo dun grupo de 15 palestinos (paramédicos, membros de Defensa Civil e un traballador da Organización das Nacións Unidas, ONU) “un a un” por parte dos sionistas, segundo reportou o organismo internacional.
O que si está corroborado é o uso de palestinos como escudos humanos por parte dos militares sionistas na Faixa.
Malia o apoio estadounidense e da Unión Europea (UE), que lle garante impunidade polo xenocidio, o primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, tivo que alongar o traxecto da súa viaxe aos Estados Unidos, onde chegou o domingo, para evitar pasar por varios países que o poderían deter en caso de aterraxe de emerxencia por mor da orde de arresto contra el por crimes de guerra e contra a humanidade emitida polo Tribunal Penal Internacional (TPI).
Neste contexto, e a pesar da insistencia de Netanyahu en que seguiría bloqueando o acceso de axuda humanitaria a Gaza, que se estende hai máis dun mes, medios sionistas transmitiron que programa permitilos nas próximas semanas por temor ás consecuencias internacionais.
Á vez, os bombardeos indiscriminados contra os civís continúan en Gaza, onde case 50.700 palestinas e palestinos foron asasinados no xenocidio, e 10 proxectís foron lanzados desde Gaza en dirección a Israel.
No Reino Unido, un avogado de dereitos humanos anunciou que presentará unha denuncia por crimes de guerra contra 10 británicos integrados no Exército israelí durante o xenocidio en Gaza, inculpados por asasinatos selectivos de civís e traballadores humanitarios ou ataques indiscriminados contra instalacións civís como hospitais.