Saltar ao contido principal

Centos de persoas claman nas cidades galegas contra "o negocio da vivenda" e a especulación inmobiliaria

 Varias cidades galegas viviron este sábado manifestacións para denunciar "a especulación inmobiliaria", así como para exixir a creación dun banco de vivenda social "efectivo".


Centos de persoas percorreron este sábado pola mañá as rúas compostelás e coruñesas para clamar contra "o negocio da vivenda" e denunciar "a especulación inmobiliaria", así como para exixir a creación dun banco de vivenda social "efectivo".

Baixo o lema 'Acabemos co negocio da vivenda'  en Compostela partiu da praza do Toural ao redor das 12 horas. "Queremos contribuír a pór en valor as demandas da sociedade sobre o problema da vivenda, que é moi grave, pero isto non termina aquí, queremos continuar para que se escoiten as nosas demandas e esperamos que desde as institucións se tomen medidas dunha vez", aseveraron desde a Plataforma Galega Vivenda Xa que ven de conformarse no pasado mes de marzo.

Manifestación na Coruña (Foto: Nós Diario)
Manifestación na Coruña (Foto: Nós Diario)

Unha das súas portavoces, Iria Nande, explicou a Nós Diario que “o principal problema é que non se está a garantir un dereito fundamental como é a vivenda. A especulación inmobiliaria e a falta de medidas políticas levou, nos últimos anos, a que a vivenda se convertese nun luxo para moitas persoas, especialmente xente nova e familias con fillos”. Ademais, “ter un soldo a finais de mes non é garantía de nada, se tes que gastar máis da metade en pagar o alugueiro”, sentenza Iria.

“A situación é verdadeiramente preocupante, hai unha porcentaxe cada vez maior da poboación galega que non ten garantido este dereito fundamental. O papel do goberno da Xunta resúmese en inacción, mentres que o Goberno do estado soamente realiza anuncios sen concretar medidas efectivas. Xa estamos fartas, isto non é asumíbel”, incidiu a portavoz da Plataforma.

“A principal solución pasa pola vivenda pública” sinalou Iria. “Aumentar o parque público de vivenda da Xunta e crear un Banco Galego de Vivenda debería ser unha prioridade, á vez que se mobiliza a vivenda baleira. Hai que garantir que a política de vivenda sexa 100% pública, para poder garantir a súa accesibilidade a toda a cidadanía e non a uns poucos, polo que hai que comezar pola regulación dos prezos de alugueiro ou a creación dunha ferramenta pública que ofreza hipotecas a xuros taxados son outras medidas fundamentais”. 

“Ademais é especialmente sangrante que na Galiza contemos con case 1300 vivendas da SAREB que están en condicións de ser habitadas hoxe e que seguen estando pechadas, é preciso que o goberno do estado as ceda á Xunta para o seu uso inmediato.” 


“Para poder dar unha resposta efectiva á crise de vivenda é necesario ter unha visión de país que teña en conta as especificidades galegas. Somos o país con máis vivendas baleiras da UE, temos máis de medio millón de casas (case 1 de cada 3) baleiras e temos unha forma de habitar o territorio que fai que o problema da vivenda non só estea nas cidades, neste país onde máis subiu o alugueiro foi nas grandes vilas, seguido das cidades. Isto sen entrar nos pisos estacionais e de uso turístico (que se deberían contemplar como uso hostaleiro e non vivenda) que no caso galego ten unha impacto moi forte na nosa costa, sábeno ben en moitos concellos das Rías Baixas”.

“Por iso hai uns meses comezamos a traballar para crear a Plataforma Galega Vivenda Xa!, criamos necesario visibilizar as alternativas que hai fronte a esta crise e recoller propostas do tecido asociativo do país. Así coordinando ás diferentes sensibilidades existentes en torno á crise de vivenda, poder esixir en chave galega que se tomen medidas de choque, primeiro, e reformas estruturais, despois, para efectivizar este dereito”. 

Por último, Iria Nande fai un chamamento a incorporar á máis colectivos e entidades á Plataforma: “Estamos abertas a toda a sociedade galega, seguimos traballando para xuntar cada vez máis colectivos e impulsar unha serie de accións que moi pronto vos poderemos comunicar. Se as administracións non actúan, seremos o pobo organizado quen teña que actuar.“

Á súa vez, en representación da plataforma Xuntanza pola Vivenda Compostela -plataforma formada no verán de 2024-, denunciaron que a accesibilidade á vivenda na capital galega "sempre foi un problema" mais nos últimos anos a situación agravouse "cada vez máis e máis", por exemplo, polas vivendas de uso turístico.

A manifestación na praza da Quintana de Compostela. (Foto: Europa Press)
A manifestación na praza da Quintana de Compostela. (Foto: Europa Press)

Neste sentido, a plataforma xa resaltaba hai uns días nun comunicado que na capital galega a vivenda "é un ben de primeira rendibilidade para os especuladores", á vez que expuña que "a agresiva turistificación e a alta demanda por parte de estudantes e de veciños, empeora as condicións de vida da clase traballadora compostelá".