Representantes do sector mexilloeiro, en conversa con 'Nós Diario', apoian a manifestación que terá lugar este sábado contra Altri e a mina de cobre de Touro e O Pino. Ademais, deixan unha mensaxe clara para o Goberno galego, que non intente desacreditar o rexeitamento aos dous proxectos nesta mobilización vinculándoa cunha formación ou ideoloxía política concreta. "Van estar presentes moitísimos votantes do PP", aseguran ao respecto. Ademais, desde o colectivo bateeiro advirten sobre o "impacto nas augas" que terían estas industrias e alertan: "As perdas económicas van ser brutais".
É o caso de Juan Carlos Juncal, vogal do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e representante do sector do mexillón ecolóxico da ría de Arousa, que en declaracións a Nós Diario, recoñece "ter moi boa relación co PP". Neste sentido, afirma, "a esta manifestación vai ir todo o sector do mar, os que votan PP, BNG, PSdeG ou Vox".
A implantación de Altri ou da mina, asevera o vogal do Craega –que salienta que fala a título persoal e non en nome do consello regulador–, "vai facer un dano medioambiental que afectará todas as persoas do sector con independencia do partido político ao que teñan votado".
A maioría do sector mexilloeiro, destaca, "son persoas votantes do Partido Popular, algunhas delas que mesmo pediron o voto, mais a eles non lle dixeron que era para montar Altri, se non claro que non o pedían, pois están arruinándose". Neste sentido, asegura que na manifestación van estar presentes "moitísimos votantes do PP".
"Eu mesmo teño moi boa relación cos membros locais do Partido Popular, e parte da miña familia incluso ten vinculación. Persoalmente, teño boa sintonía con todas as formacións políticas, e tamén co PP", asegura.
Unha cuestión que non lle impide dicir claramente a súa opinión. No referente á certificación do mexillón como ecolóxico, explica que a calidade da auga é un factor clave que se vería afectado por Altri e a mina de Touro e O Pino. "Cantos máis químicos haxa na Arousa máis complicado será cumprir cos requisitos, nestes momentos xa se está cumprindo con pinzas, está moi xusto, sobre todo no interior da ría", asevera. "Necesitamos proxectos que melloren a situación, non que a empeoren máis", sentencia sobre estas industrias.
"Os datos de produción da ría de Arousa son un desastre, se os departamentos da Xunta da Galiza, a Consellaría de Mar ou a de Medio Ambiente, fosen unha empresa privada, os directivos estaban todos na rúa, porque os resultados son desastrosos", di.
Juncal incide en que son necesarias solucións para recuperar a produción do sector do mar. "As perdas económicas van ser brutais, xa o están sendo, e nin Altri nin a mina de Touro van producir o que se está a perder", conclúe o produtor de mexillón.
"Os ríos e as rías forman parte dun mesmo sistema"
En declaracións a Nós Diario, o presidente da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) –o colectivo maioritario no sector bateeiro–, Ricardo Herbón, desbota o argumento esgrimido pola Xunta de que a ría de Arousa está lonxe da Ulloa como para que a celulosa ou a mina non afecten ao sector.
"Non hai dúbida de que Altri agravaría os problemas da ría", di Herbón
"Os ríos e as rías conforman un sistema que funciona igual que o corpo humano, os ríos son as venas e a ría é o corazón, creo que é a forma máis fácil de entender isto", afirma o líder de Opmega.
"Non hai dúbida que calquera cambio na composición da auga vai afectar o mexillón, non sabemos en que medida, mais a instalación da celulosa vai ter impacto, agravaría unha situación xa complicada e prexudicaría o prestixio do mexillón", explica Herbón.
"Apoiamos a manifestación deste sábado, queremos ter a seguridade de que ao pór o marisco no mar non se vai ver afectado por este tipo de industrias", salienta.
O presidente de Opmeg destaca a preocupación pola reapertura da min de Touro e O Pino. "Non se fixeron as cousas ben no seu momento, hai unhas balsas que están nunha situación moi comprometida e o que nos preocupa é que a contaminación acabe no río e, por conseguinte, remate no mar", afirma. "Todo o que pasa nos ríos acaba no mar, están conectados", conclúe Herbón.
Neste sentido, para Juncal, o caso da mina de cobre na comarca de Arzúa é especialmente grave, tanto no plano ecolóxico como no administrativo, posto que xa houbo unha explotación anterior que deixou a contorna moi prexudicada, algo que ademais, salienta, ten implicacións máis alá de Touro e O Pino.
"A Concesión da mina de Touro e O PIno debería ser revogada", afirma Juncal
"Cando remata unha actividade ou unha concesión hai que repor o estado natural, como nos pasa a nós nas nosas bateas". Porén, afirma o vogal do Craega, "eu non vin ningunha mina que repuxese o estado previo da contorna, as minas fechan porque se declaran en quebra, e entón alegan que non hai cartos para a reposición do estado natural".
No caso concreto da explotación mineira de Touro e O Pino, engade, "ninguén repuxo o estado natural do territorio e, polo tanto, debería retirarse esta concesión". E a pesar disto, acrecenta, "quérenlle dar outra autorización" para que se retome a actividade. "Eu non estou en contra da minaría, mais ten que ser sostíbel e responsábel", di.
"30 millóns de litros diarios que virán contaminados"
Alfredo Montero, ademais de bateeiro da Asociación de Mexilloeiros da Illa de Arousa e representante da Plataforma en defensa da ría de Arousa (PDRA), será este sábado o coordinador de seguridade da manifestación por mar. Neste sentido, terá acceso directo á Capitanía Marítima e ao Salvamento Marítimo para coordinar calquera circunstancia que se poida dar.

"Se desde o sector do mar demandamos medidas extraordinarias para mitigar os graves problemas que estamos sufrindo e a solución que nos pon a Xunta é unha mina e unha pasteira, pois non hai máis que dicir", salienta Montero. "Nin nos declaran de interese xeral, mais estas industrias si as declaran proxectos estratéxicos, e despois lanzan unha campaña que se chama 'Galicia sabe a mar'", critica. "Os 30 millóns de litros que vai verter Altri cada día van vir contaminados con moitos produtos químicos e a unha temperatura inasumíbel", conclúe o bateeiro.
Mobilizaranse 38 autobuses e máis de 500 embarcacións
A Pobra do Caramiñal acollerá este sábado unha manifestación "por terra e por mar" convocada pola Plataforma en defensa da ría de Arousa (PDRA) –e que conta co apoio de das plataformas Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino Non, entre outros colectivos–, que se prevé multitudinaria.
Segundo puido saber este xornal a través de fontes da organización, están programados un mínimo de 38 autobuses que pasarán por máis dunha trintena de localidades para acudir a unha cita que, ademais, contará con máis de 500 embarcacións na mobilización por medio marítimo.
Cabeceira, acto final e lectura do manifesto
Na pancarta dianteira irán os patróns maiores da Pobra do Caramiñal, Rianxo, Cabo de Cruz, Noia e o Grove, as presidentas das mariscadoras da Illa de Arousa, Carril e Vilaxoán, así como tamén tres persoas da Plataforma Ulloa Viva e tres da Plataforma Mina de Touro-O Pino Non.
Desde o palco, que asume a Mancomunidade de Concellos Barbanza Arousa, van guiar o acto final Isabel Risco, Carlos Blanco e Quico Cadaval. Ademais, tamén haberá actuacións musicais de Zeltia e Grupo de Músicos (Mini, Allegue, Constenla e Piñeiro).
Pola súa parte, a lectura do manifesto será a cargo de tres mulleres: en representación da PDRA, María Porto, mariscadora e presidenta da Agrupación de mariscadoras de Carril; en representación da Plataforma Mina de Touro-O Pino Non, Maricarmen Aguiar, gandeira da zona afectada, e en representación da Plataforma Ulloa Viva, Marta Álvarez, gandeira en ecolóxico da comarca na que Altri pretende instalar o seu proxecto de macrocelulosa.