Saltar ao contido principal

Imaxes descoñecidas para non esquecer: Ferrol 1972

 Todo o ano foi decisivo para a vida política galega posterior, pero o 10 de marzo de 1972 en Ferrol garda un simbolismo especial: alí foron feridos de bala moitos traballadores e morreron Amador Rei e Daniel Niebla. Pasados 53 anos, aínda agora están por emerxer imaxes daquel drama, como as que agora amosamos, e que só puideron recollerse na prensa internacional. Realizounas un xornalista de pasaporte venezolano que traballaba para a axencia de noticias United Press International (UPI), e contempláronse en xornais de Italia, Colombia ou Dinamarca.

A única foto coñecida da xornada do 10 de marzo. (Foto: Abel López Rodríguez

Os conflitos sociais baixo a ditadura de Franco, cunha censura e un control ferreño dos medios de comunicación, deixaron nulo soporte gráfico de Marzo de 1972. Os fotógrafos sabían os límites e tamén os propios medios. Na Galiza dedicáronlle espazos grandes, algúns con máis intención periodística e outros máis afíns á exclusiva visión oficial, pero en todo caso sen dar ningunha fotografía, algo que tampouco se ofreceu na prensa estatal, chegando ao ridículo informativo do ABC publicando en portada unha foto aérea de Ferrol. Tampouco as revistas da época, que nalgúns casos ofrecían grandes reportaxes gráficas internacionais (Gaceta IlustradaSábado Gráfico….), se ocuparon máis alá dunhas mínimas liñas, e afogaban a sensibilidade social nos exemplares dese mes de marzo, cunha grave explosión de gas en Barcelona e, sobre todo, con ditirámbicos extras sobre a voda da neta maior de Franco.

Despois de tanto tempo apenas temos hoxe visión directa do clima de extrema tensión coa foto realizada por Abel López Rodríguez desde a súa vivenda. O investigador Xosé Enrique Acuña, que a amosara na exposición de 2006 Memorial da Liberdade, púxome hai unhas semanas na pista da existencia doutras imaxes daqueles días posteriores que paralizaron a cidade nun clima represivo intenso: o arquivo dixital do xornal italiano L'Unitá, propiedade do Partido Comunista Italiano e de moita circulación na altura, recollía unha foto do velorio de Amador Rei publicada o 12 de marzo. A colección física en papel está en diversas biblioteca italianas, pero non se conserva agrupado o arquivo fotográfico do xornal. A Biblioteca Fondazione Gramsci de Emilia-Romagna enviounos copia directa do exemplar en papel, que polos sistemas técnicos da época (telefoto), ten unha trama moi forte, o que non lle tira dramatismo á foto transmitida ao mundo pola axencia UPI (United Press International).

Aínda que cada vez hai máis hemerotecas dixitais ben nutridas (Galiciana, Europeana, Hemeroteca da BNE ou a Hemeroteca da Biblioteca do Congreso estadounidense) pasadas tantas décadas os arquivos vanse deteriorando e exixen unha pescuda que, dada a importancia da época para nós, require esforzo institucional. O caso do xornal italiano sérvenos de referencia, pero outros arquivos de xornais de todo o mundo, foron rexistrando a crecente tensión social e política dos derradeiros anos da ditadura, nun contexto mundial que coincidía co inicio naquel febreiro de 1972 da relación entre os EUA e China que mudaría a xeopolítica mundial, coa reunión de Nixon e Kissinger con Mao e Zhou en Lai.

Indirectamente os propios arquivos estatais permítennos adiantar parte do traballo de pescuda, porque unha das grandes fontes para a investigación atópase no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares. A profesora ferrolá Rosa Cal é autora de varias publicacións de referencia para quen se interesa polo sucedido en Ferrol, e afondou no que se garda neste inmenso fondo documental. Explicouno nun artigo da revista Ferrol Análise. Obtíñase a información mediante a rede exterior que formaban as embaixadas, a través da Oficina de Información Diplomática, que a facían chegar ao Ministerio de Información e Turismo. Na etapa ministerial de Fraga Iribarne (1962-1969) incrementouse o control exterior e un Gabinete de Enlace encargábase de seleccionar e traducir os xornais, engadindo un informe por país. En 1972 o ministro era Alfredo Sánchez Bella", aclara Cal.

Consultamos a carpeta dispoñíbel en Alcalá de Henares, un fato de recortes diversos de prensa, teletipos e informacións varias que dan unha idea bastante aproximada do impacto mundial que tivo o sucedido en Ferrol, ademais de reunir diferente material nunha carpeta adxunta que se refire aos conflitos laborais na Galiza no período 1966-1971, con referencias numerosas a Vigo (Citröen, en particular) e tamén dos incidentes derivados da instalación do encoro de Fenosa en Castrelo de Miño.

Repercusión no exterior e represión no interior

A censura non operaba no exterior e a atención sobre a evolución política do Estado español era grande tamén porque se albiscaba no horizonte a morte do ditador. Cando na mañá do 10 de marzo a policía ametralla os traballadores de Ferrol, o mundo contemplou o masacre que nin os medios locais puideron ocultar. Eran moitas as vítimas e moitas as detencións e os múltiples informes sindicais, de organizacións políticas, policiais ou da propia Igrexa deixaron testemuña e podemos lelos noutra compilación realizada por Rosa Cal, Informes diversos sobre los sucesos de Ferrol. A suma de todos eles dá unha idea moi aproximada daqueles momentos de insurrección e represión: grandes manifestacións, cidade paralizada, omnipresenza policial ou temor a unha intervención militar nunha cidade dominada pola Mariña. Os listados de feridos e detidos aínda arrepían hoxe, polo súa crueza e mesmo porque chegan a publicarse cos enderezos exactos de cada un deles.

Lembremos que o simbolismo da data ecoa cada ano coa celebración do Día da Clase Obreira Galega, sementado coa vida de Amador Rei e Daniel Niebla, pero tamén dos moitos outros feridos de bala atendidos en diversas clínicas. De todo isto informouse con moito detalle na maioría dos xornais europeos e tamén da onda solidaria das organizacións sindicais e políticas democráticas, con paros e boicots, que tamén tiña presenza no interior do país. Os recortes de prensa da época permiten facer o seguimento, pero sempre brillan pola súa ausencia novas imaxes e fotografías; mesmo cando se ilustran as informacións recórrese ao debuxo ou a tomas de rúas de Ferrol baleiras.

A temperatura interior foi unha represión constante e culminaría simbolicamente co denominado Proceso dos 23, no que os principais dirixentes sindicais de Ferrol foron xulgados no TOP e só saíron despois das amnistías do período de transición. Esta parte das réplicas do sismo do 10 de Marzo están moi ben recollidas por Roi Cagiao na súa película 10 de marzo, que é unha boa fonte para viaxar a aquel tempo de reconstrución das organización sindicais e da oposición á ditadura franquista.

Un fotógrafo anónimo

Grazas aos informes compilados por Rosa Cal podemos saber a fonte das fotografías realizadas. Dedúcese que os enviados especiais das axencias internacionais axiña se achegaron a Ferrol e de feito asisten, cando menos o enviado da UPI (United Press International), ao velorio de Amador Rei decorrido no propio depósito do cemiterio de Catabois, como informou Ferrol Diario, que daba conta que ás 10 da mañá do 11 de marzo, nin pasadas 24 horas da súa morte, foi enterrado baixo un estrito control policial, controlando a Garda Civil os accesos ao cemiterio, vixiando as estradas, e pese ao cal puideron entrar coroas de flores amais das familiares, como as adicadas polos traballadores compañeiros de taller de soldadores ou do pobo de Ferrol, imaxes que tamén foron recollidas e distribuídas en exclusividade por UPI, sen deixar sinal do autor.

Os fotógrafos estaban baixo control da Policía, que os identificou no seu informe sobre o acontecido en Ferrol, pero con diferente criterio ao seguido coa filiación dos detidos e feridos, dos que se facilitou idade e domicilios particulares, non omitiron os seus nomes. Así consta no Informe Secreto da policía ao que accedeu Rosa Cal. "Acusouse a presenza en Ferrol de dous xornalistas estranxeiros, aloxados no Hotel Almirante, que son os seguintes: XX, nacido nos Estados Unidos, con pasaporte número… Correspondente da Axencia Reuter (pertencente ao Reino Unido). E XX, nacido en Venezuela con pasaporte… Correspondente da axencia UPI (pertencía a EEUU)". Preguntamos no Hotel Almirante, que pervive, pero a directora actual informounos que despois de diversos cambios de propiedade non gardan os rexistros escritos que se realizaban xa daquela con obriga de comunicar fichas de entrada e saída ás autoridades policiais.

A reprodución das imaxes tomadas daquela fai supor que a reportaxe tivo que ser máis extensa, nun tempo no que a conciencia do fotoxornalismo, e a influencia da fotografía na opinión pública, era decisiva, pero non foi posíbel ir máis alá, nin percorrendo a memoria de xornalistas coetáneos do momento. Pasados máis de 50 anos nin a propia UPI, unha das mais importantes do mundo naquela altura, opera xa hoxe en Europa e reduce a súa presenza ao ámbito americano, despois dunha efémera propiedade do galego Olegario Vázquez Raña. Nin se conservan ou permiten acceso aos seus arquivos, ou ofrecen imaxes no seus limitados repertorios en liña (https://www.upi.com/Archives/).