O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XVIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados cunha dotación económica única de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o 16 de maio de 2025 e a decisión do xurado darase a coñecer durante a última quincena de xuño. Ao XVIII Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de todas as nacionalidades con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada do traballo completo. Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O regulamento especifica que non se admitirán “traballos xerados, creados ou adaptados por tecnoloxía de intelixencia artificial”. O material, asinado baixo lema ou pseudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela). Kalandraka publicará a obra premiada en galego, castelán, català, euskara e portugués en novembro de 2025. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases están dispoñibles na web de Kalandraka (www.kalandraka.com) e na páxina do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.gal). Preto de 5.000 traballos procedentes de numerosos países téñense presentado ao Premio Internacional Compostela dende a súa primeira edición en 2008. Ademais, algúns dos libros distinguidos colleitaron outros recoñecementos de ámbito estatal e internacional, figurando nos Premios Nacionais de Edición, na Lista de Honra IBBY, na selección The White Ravens e no Premio Fundación Cuatrogatos. |