O mes de marzo de 1939 ordenábase a clausura do campo de concentración de Betanzos, cuxo feche resultou definitivo no mes de maio dese ano, após dous anos en funcionamento.
O campo de concentración de Betanzos situouse nunha antiga fabrica de curtidos localizada no barrio da Magdalena, empregándose, tamén, durante algún tempo como centro de detención unha grande finca propiedade da familia Naveira, a carón do parque do Pasatempo.
A apertura do campo estivo directamente ligada á caída da fronte norte e a necesidade de confinar a soldados do exercito popular de orixe vasca e asturiana. Nunha segunda etapa, a maioría dos presos políticos procedían dos Països Catalans.
As condicións de vida
A mala alimentación, o frío, a ausencia de condicións hixiénicas mínimas, a falta de auga e lugares de aseo ou a carencia de atención médica converteron en penosas as condicións de vida no campo.
O centro de detención foi considerado como dos menos duros da Galiza, ao permitírselle, a bo parte dos detidos, liberdade de movementos dentro da area valada do recinto e a socialización coa poboación local.
A solidariedade da veciñanza da localidade foi extraordinaria. Neste sentido, os prisioneiros que deixaron memorias lembraron como eran recibidos na súa chegada a Betanzos por mulleres enloitadas, familiares de represaliados.
As informacións que chegaron sobre as condicións de vida no centro de detención proceden das testemuñas da veciñanza e dalgunha das persoas detidas. Segundo o historiador Xesús Torres, o mellor coñecedor do período republicano e da represión franquista en Betanzos, a situación no campo foi moi difícil”.
“Disparos de metralladoras”
Torres apunta que os “veciños do barrio da Magdalena lembran a miseria e as penurias daqueles presos, así como os episodios de represión nocturna con disparos de metralladoras e mortos aparecidos polos valados da Magdalena e os xuncais da Cangrexeira”.
Un dos presos ilustres deste campo, o premio Príncipe de Asturias da Concordia pola súa labor social na India, Vicente Ferrer lembrou nas súas memorias os seus días de recluso en Betanzos denunciando os malos tratos aos prisioneiros.
Vicente Ferrer
Ferrer escribiu que “o sarxento do ollo de cristal tenme farto(…) cando descubre a menor infracción do regulamento, fregase as mans de satisfacción e até se lle ergue o bigotiño de lexionario. Só ao chegar, fixéronos a todos en fila e fixéronos cantar o Cara ao sol”.