O sector do mar de Arousa respondeu á chamada da Plataforma en defensa da ría de Arousa (PDRA) para expresar o seu rexeitamento ao proxecto de celulosa da multinacional portuguesa Altri.
Mais de 600 embarcacións procedentes dos diversas localidades de Arousa percorreron a ría para concentrarse diante da ensenada da Pobra do Caramiñal, na comarca do Barbanza, malia darse unhas condicións meteorolóxicas pouco propicias para a navegación.
Os barcos enfrontaron na súa singradura cara a Pobra do Caramiñal un forte vendaval e unha choiva persistente. Porén, estas circunstancias non botaron para tras aos seus propietarios.
A mobilización marítima estivo integrada por embarcacións dos diversos sectores que traballan na ría de Arousa. Na mesma, participaron barcos dedicados ao marisqueo a pé, á pesca de baixura ou a produción mexilloeira.
A manifestación contra Altri e a mina de Touro deste sábado estaba apoiada polas principais agrupacións de mariscadores e mariscadoras da Ría de Arousa así como por algunhas das organizacións profesionais que agrupan aos produtores de mexillón.
A resposta masiva do sector do mar da Arousa foi un dos aspectos salientados polos convocantes da mobilización contra Altri e a mina de Touro. Neste sentido, considérana un exemplo do alcance da oposición a estas dúas iniciativas.
Xaquín Rubido
O presidente da Plataforma en defensa da ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, sinalou esta sábado que Altri e a Mina de Touro e O Pino son “unha ruína para Galiza” e un “atraco ás galegas e galegos”. Nesta liña, aseverou que “a Xunta de Rueda non está cumprindo coas súas obrigas e responsabilidades”.
O dirixente da PDRA manifestou a súa oposición “a este modelo salvaxe de industrialización que hipoteca o futuro de Galiza”, concretado na celulosa de Altri en Palas de Rei e na mina de cobre de San Rafael nos concellos de Touro e O Pino.
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións