A mostra permanecerá en Afundación desde mañá ata o día 21 de maio
27 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Asede ferrolá de Afundación acollerá desde mañá, venres, ata o día 21 de maio, a mostra 40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro. Unha exposición, integrada por 230 orixinais, que reflicte a luminosa mirada do artista ferrolán sobre unha etapa fundamental da historia de Galicia... e da democracia, que chega á cidade da man do Parlamento de Galicia, coa colaboración de La Voz de Galicia e de Afundación, Obra Social Abanca. O acto inaugural será mañá ás 19.00 horas, e contará coa presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; do presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices Vieira; do delegado de La Voz de Galicia en Ferrol, Andrés Vellón Graña; e do propio Siro.
«O noso principal obxectivo con esta mostra é poñer ao alcance do gran público o extraordinario patrimonio creado por un artista, Siro, que é un verdadeiro xenio», di o comisario da exposición, Aser Álvarez González. «Un patrimonio —subliña o comisario— que xa é de todos os galegos».
«Co bálsamo do humor»
«Aquí están —di Aser— os debuxos orixinais [unha escolma de 230, feita entre as case 1.600 obras que conforman a doazón feita por Siro ao Parlamento] que, a través da mirada de Siro, e co bálsamo do humor, sempre tan necesario, nos permiten entender mellor, ademais da nosa historia, catro décadas da política galega».
Confesa Aser Álvarez para el é un verdadeiro honor ter podido comisariar esta mostra que agora chega a Ferrol. «A verdade é que Siro, para min, foi un referente sempre —di— admíroo moitísimo—. E é unha enorme satisfacción —engade— poder traballar cos seus debuxos orixinais, que establecen un diálogo excepcional entre a arte e a realidade; un diálogo formidable non só desde o punto de vista da arte, senón tamén, por suposto, desde o do xornalismo».

A exposición de Siro que mañá abrirá ás súas portas en Ferrol, na sede de Afundación, é unha viaxe a través da memoria de todo un país. Unha viaxe —luminosa tamén, como a propia mirada do autor— que nos permite reencontrarnos con personaxes, non sempre moi recordados, que tiveron un papel central na política galega. Personaxes que, coa axuda do humor —dese humor que sempre é un síntoma de intelixencia—, puidemos coñecer, con Siro, más alá dos ámbitos da evidencia, adentrándonos así no ámbito do fundamental e prescindido dos espellismos do superfluo. Arte si, por suposto. Pero tamén xornalismo. E un gran xornalismo, por certo.