Vaia por diante que ningunha agresión está xustificada, pero se non se analizan as causas que as rodean será moi difícil emprender accións que as diminúan. En primeiro lugar, moitas situacións deste tipo teñen que ver coas longas agardas. Non podemos esquecer que as persoas que acoden ao sistema sanitario non esperan a súa quenda para mercar unha entrada para un concerto. Son persoas que están sufrindo en moitas ocasións dores ou como mínimo malestar, por si mesmas ou por un familiar. A incerteza de sentirse mal e non saber que acontece provoca estados emocionais desagradables e intensos e os nosos mecanismos psíquicos para inhibir a agresividade vense comprometidos nestas circunstancias. En segundo lugar, pode haber persoas con alteracións de conduta, polo motivo que sexa: unha demencia, unha intoxicación ou un problema neurolóxico ou psiquiátrico. Se os espazos nos que son atendidas non son axeitados, o risco de accidentes, autoagresións ou agresións ao persoal aumentan. Por outra banda, a masificación dos servizos de urxencias contribúe a que relaxemos os protocolos e a seguridade en prol da rapidez. Eu mesma me vin valorando pacientes nun corredor (mal feito) simplemente por evitarlles esperas ou porque non tiña outro lugar no que facelo. Sabía perfectamente que non debía facelo pero as présas, o exceso de traballo e o desexo de prestar axuda o antes posible pode facer que tomemos decisións incorrectas.
As malas condicións nas que traballamos aumentan o risco de sufrir agresións. Diminuír o tempo de agarda, mellorar a Atención Primaria para non saturar as Urxencias e que teñamos espazos dignos e suficiente tempo por paciente son as principais modificacións para reducilas.