Xoán Rubia | “Escoitar á xente é esencial para poder axudar, tamén desde o punto de vista sanitario”
O escritor mugardés vén de publicar o seu último libro, “O practicante rural”, en Galaxia, sobre a súa experiencia profesional
“O practicante rural” que vén de sacar do prelo a editorial Galaxia aborda a traxectoria profesional de Xoán Rubia –Mugardos, 1947– nos tempos en que, lembra, “a sanidade en xeral atravesaba por moitas dificultades, na transición do Insalud ao Sergas”.
Eran anos en que os sanitarios no medio rural carecían de moitos medios, “sen un habitáculo no que poder desenvolver o teu traballo ou nos que tiñas que pór a disposición da ‘empresa’ cando menos dúas pezas do teu domicilio para facer a función de sala de espera e consultorio e, polo tanto, coa preocupación de atender enfermos na túa casa... Que todo aquilo se puidera artellar con certa solvencia... Sentíame dalgunha maneira como un lobo solitario”.
Ares, Mugardos e Melide son os destinos que Rubia aborda neste libro que se presentará primeiro en Compostela –con data aínda por determinar– e logo chegará á comarca. “Houbo que aventar moitas dificultades, falar coas autoridades para que che habilitasen un espazo para pasar consulta”, explica. Refire Rubia o caso que viviu na Terra Cha, cun centro de saúde xa rematado que non deixaron utilizar “mentres non se inaugurase pola autoridade competente”.
Esta é unha das moitas anécdotas e situacións que recolle Rubia neste libro que estaba enfocado a “contar como transcurría a vida dun profesional da sanidade que estaba só nunha vila ou nunha aldea, tratando de ofrecer un servizo público sen contar co apoio necesario da administración”.
Profesión
Esta crónica-dietario ve a luz uns anos despois (foi en 2021) de que a propia Galaxia publicase “Pasaba por alí. E quedei un intre”, que recolle a faceta –máis coñecida pola proxección pública en toda Galicia e mesmo fóra das súas fronteiras– musical do mugardés. “Aquela publicación recollía a miña historia dentro do contexto da Nova Canción Galega nos 70”, lembra, “e moita xente dicíame: ‘Xoán, xa lin a túa biografía’, pero, claro, non é a miña biografía porque a música, que foi un elemento importante dentro da miña vida, me serviu como válvula de escape, como unha maneira de tratar de facer algo diferente á miña profesión, que era tratar de aliviar doenzas e dificultades nas persoas que me rodeaban... O meu traballo era a sanidade; a música era outra cousa, nunca foi unha profesión”.
Coa convición de que “tiña outras cousas que contar” alén da música, xurdiu este “O practicante rural”. “Non pensaba que puidera ter moito interese para ser publicado, pero así foi...”, apunta, “e o certo é que, cos retoques que houbo que facer, rematei satisfeito co resultado: aí si que queda a miña biografía completa”.
Xoán Rubia foxe dese sentimento de nostalxia que incita a pensar que todo tempo pasado foi mellor. Non é o seu caso. “Eu tomo unha cita de Les Luthiers: ‘Calquera tempo pasado foi anterior’”, bromea. “Non foi mellor, non. Aquilo era unha aventura porque chegar como practicante a Melide só, sen espazo no que consultar, sen coñecer a ninguén, tratando de iniciar unha actividade complicada se non tes os medios necesarios ao teu alcance... O material mercábao eu tamén. Foi unha aventura, pero non mellor, desde logo, ata que comezaron a crearse os equipos de atención primaria, cando se constrúen os centros de saúde, cando se fai a transferencia ao Sergas... O panorama cambiou aí. Antes sentirse só e nalgúns momentos mesmo desamparado provocaba tensión. O pasado, neste caso, é mellor agora para contalo, non para vivilo”.
Tempos pasados
Nese sentido, Rubia ten claro que “as cousas cambiaron moito, afortunadamente”, aínda que non agocha a súa parte máis reivindicativa: “Poden ir mellor as cousas? Sen dúbida. Hai que resolver moitos problemas na sanidade? Por suposto. Todo debe mellorar, é necesario que mellore”.
No que respecta ao que aprendeu daquela experiencia no rural estando tan vinculado á cidade e aos movementos artísticos do momento, Rubia recoñece que lle ensinou “que o mundo non se reduce á vida urbanita, que hai outros mundos e outras xentes que pagan moito a pena, sobre todo cando un ten a sorte de facer un traballo que pode redundar en beneficio dunha comunidade, por pequena que poda ser”.
Esa diversidade é a que valora o mugardés, que resalta ademais o “ritmo” ao que se vive en núcleos máis pequenos. “É unha vida máis orgánica, en contacto coa natureza, cos demais, co medio...”, unha virtude que, di, se multiplica no factor humano.
“Este é sempre o máis importante”, sostén, “porque moitas veces tes que facer de psicólogo cando non tes formación para iso; xente que se achegaba e falaba dos seus problemas, das súas inquedanzas e preocupacións... Escoitar á xente é esencial para poder axudar, ás veces máis que no estritamente técnico ou profesional”, conclúe.