Saltar ao contido principal

Unha de cada dez prazas médicas dos centros de saúde permanecen sen cubrir

 A falta de cobertura de baixas do persoal médico afecta diferentes centros de saúde das sete áreas sanitarias. Hoxe sae á rúa a veciñanza de Riotorto para protestar contra os "recortes" e mañá fará o propio a de Ourol, mais os seus casos non son os únicos. 



A Casa da Cultura de Riotorto, na comarca de Meira, acolle na mañá deste sábado unha asemblea veciñal para decidir novas accións de protesta diante da "falta de persoal médico" da que adoece o centro de saúde. A xuntanza, convocada polo BNG, organización que promoveu no último mes diversas mobilizacións contra os "recortes sanitarios", busca sumar forzas para "obrigar a Consellaría de Sanidade a garantir a atención médica no concello".

A portavoz do BNG en Riotorto, Vanessa Gómez, sinala a Nós Diario que, das dúas prazas médicas que hai no ambulatorio, "unha permanece vacante desde hai tres anos por unha baixa de enfermidade que a Xunta non cobre e outra desde o mes de novembro por un concurso de traslados, o que provoca que desde decembro contemos con este servizo só algúns días do mes durante unhas poucas horas”. Desde a formación exixen "atención médica a tempo completo”.

Veciñanza de Ourol, na comarca da Mariña, sairá tamén mañá á rúa por unha problemática análoga. Neste caso, a Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello convocaron unha mobilización para denunciar que a asistencia médica na localidade está limitada a "só uns días á semana". O problema radica, afirman, na "negativa da Consellaría de Sanidade a cubrir as vacantes xeradas polo titular facultativo da praza".

A portavoz da plataforma mariñá, Montse Porteiro, explica que “durante este mes de xaneiro a situación agravouse aínda máis, pois a ausencia do titular só será cuberta cinco ou seis días, quedando a poboación de Ourol sen médico o resto dos días do mes”. "Tomouse a decisión de derivar os pacientes ao centro de saúde de Muras [A Terra Chá], obrigando a veciñanza a desprazarse aínda máis lonxe e sobresaturando este centro”, cuestiona.

A situación de Riotorto e Ourol repítese en moitos municipios da Galiza. Así, por exemplo, no concello da Mezquita, na comarca de Viana, a asistencia médica non se presta durante toda a semana de forma completa. A este respecto, o alcalde da localidade, Rafael Pérez, explica a Nós Diario que “o médico só atende algunhas horas, ao partillalo coa Gudiña [na mesma comarca]”. Pérez pide “pór fin a esta situación de precariedade e provisionalidade, que non só nos afecta a nós, senón que é común a outros concellos da comarca e de toda a área interior da Galiza”.

As áreas de Lugo e Ourense

Os datos da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, mais a de Ourense, Verín e O Barco, evidencian a falta de recursos nos municipios do interior. Segundo as últimas cifras achegadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), referidas á anualidade de 2023, a área de Lugo contaba en Atención Primaria con 433 prazas de Medicina Familiar e Comunitaria, o que significa que só no último ano as autoridades sanitarias amortizaron 13 delas. A maiores, outras 50 permanecen vacantes, 39 con carácter permanente por non dispor de titular e outras 11 temporalmente por ausencia do profesional adscrito á mesma.

E as cifras da área sanitaria de Ourense non son mellores. O Sergas sinala que a demarcación dispuña de 364 prazas de Medicina Familiar e Comunitaria en Primaria en 2023, 22 menos que no exercicio anterior. Ao tempo, 66 prazas non están cubertas, 30 delas con carácter permanente por non dispor de titular e outras 36 temporalmente por ausencia do médico ou médica adscrita. E a isto engádese o envellecemento do servizo, pois até 225 profesionais facultativos dos centros de saúde da área son maiores de 60 anos e 84 deles están por riba dos 65.

A problemática agrávase en Ourense e Lugo pola "falta de atractivo" das prazas como consecuencia das condicións laborais dos profesionais, advirten desde o sector. Porén, esta é unha cuestión común, en maior ou menor media, a todas as áreas sanitarias galegas, onde se amortizaron ao longo 2023, segundo a propia Xunta da Galiza, 39 prazas de Medicina en Primaria. Actualmente hai un total de 2.604 prazas médicas nos ambulatorios do país, unha parte das cales non son atendidas durante todo o ano. 243 prazas de médicos de Atención Primaria permanecen vacantes. 133 delas atópanse nesa situación con carácter permanente por non dispor de titular e as 110 restantes temporalmente por ausencia do profesional adscrito á mesma.

As peores cifras rexístranse nas áreas sanitarias de Ourense e Lugo, marcando os mellores datos a da Coruña, con só 17 prazas sen cubrir. Así as cousas, o número de vacantes estruturais alcanza 9,3% do total das prazas dotadas de persoal médico, o que se suma na tempada estival ás xeradas polas vacacións.

O voceiro de SOS Sanidade PúblicaManuel Martín, responsabiliza a Xunta da Galiza da "falta de profesionais" no sistema sanitario galego. Neste sentido, refírese ás condicións laborais do persoal do Sergas: "Non se ofreceron contratos dignos, e 50% dos médicos e das médicas teñen contratos precarios”. Ao tempo, destaca que o persoal facultativo perdeu na Galiza "19% do seu poder adquisitivo desde o ano 2009” por mor dos efectos da inflación neste período.

Falta de remuda: 41% do persoal médico de Primaria supera os 60 anos

A idade media dos cadros de persoal de medicina en Atención Primaria é especialmente elevada. As últimas cifras ofrecidas polo Sergas, referidas a 2024, sinalan que 1.088 profesionais en exercicio nos centros de saúde do país superan os 60 anos, e, dentro deste grupo, 444 están por riba dos 64 anos. Así, 17 deles rexistran 70 anos, 258 atópanse entre os 66 e os 69 anos e 169 teñen 65.

grafica1

267 médicos e médicas de Atención Primaria xubilaranse na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte na próxima década. Ao tempo, 93 destes profesionais superan os 65 anos, manténdose activos por contar cunha prorroga de actividade expedida polo Sergas por falta de persoal para relevalos. Malia que as cifras máis preocupantes son as que rexistra a cidade de Lugo, onde 51 facultativos e facultativas (71% do persoal actualmente en activo) están por riba dos 60 anos, as prazas máis complicadas de cubrir son as ofertadas en concellos do rural.

E a área de Ourense, Verín e O Barco 'pisa os talóns' á de Lugo neste ámbito, pois até 225 prazas médicas dos centros de saúde están cubertas por persoas maiores de 60 anos, das que 84 superan a barreira dos 65, o que debuxa unhas perspectivas moi negativas.