O Foro Galego de Inmigración sinala que esta investigación "é un exemplo concreto e dramático da grave situación de indefensión" na que se atopan as persoas migrantes residentes na Galiza e no resto do Estado.
Unha residente do inmóbel avisou a Garda Civil e cando os axentes acudiron comprobaron que esas persoas estaban desorientadas e non sabían onde dirixirse. Tras entrevistarse con eles, coa colaboración dos servizos sociais, logrouse recolocalos e iniciouse unha investigación para coñecer os motivos da súa chegada á Galiza.
Esas pescudas permitiron comprobar que os migrantes, en situación irregular, viaxaran desde o sur do Estado español, principalmente desde Granada, coa promesa de que traballarían nunha explotación agrícola da Terra Chá. Unha vez na Galiza eran distribuídos en distintos inmóbeis de varias localidades, onde debían pagar un importe diario polo aloxamento, ademais de pagar o transporte diario até a leira onde traballaban.
Inspección no predio
A Garda Civil localizou o predio, unha explotación de arandos en Begonte e unha das leiras máis extensas do país, e planificou un operativo conxunto coa participación da ITSS de Lugo, axentes de Policía Xudicial da Coruña e efectivos da Comandancia de Lugo.
Nesa inspección, realizada o pasado verán, foron localizados 92 temporeiros, dos cales 82 eran cidadáns estranxeiros en situación irregular, sen permiso de residencia nin de traballo.
A investigación permitiu identificar unha rede empresarial que facilitaba a contratación irregular dos temporeiros. As empresas responsábeis da explotación subcontrataban a través dunha empresa de traballo temporal (ETT) con domicilio en Sevilla, que daba de alta ficticia a un número reducido de traballadores en situación regular, mentres empregaba sen contrato o resto dos temporeiros.
Como resultado da operación, e tras recibir os preceptivos informes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), están investigadas estas tres persoas. E está previsto que, nos próximos días, se poñan as dilixencias ao dispor do Xulgado de Instrución 2 de Vilalba (A Terra Chá).
O Foro Galego de Inmigración reclama cambiar a lei de estranxeiría
O Foro Galego de Inmigración sinalou que esta investigación "é un exemplo concreto e dramático da grave situación de indefensión" na que se atopan estas persoas residentes na Galiza e no resto do Estado. "Vítimas inocentes de persoas e empresas que pretenden aproveitarse desta situación, pero sobre todos vítimas da lexislación de estranxeiría", advertiron.
Así, denunciaron que a actual lexislación "condena as persoas migrantes a pasar un longo tempo en situación de irregularidade administrativa", polo que reclamaron a "concesión inmediata de autorizacións de residencia e traballo" para as vítimas de explotación laboral e doutros delitos, de maneira que poidan permanecer en territorio do Estado español "en condicións dignas", para que non haxa "unha dobre vitimización".
O Foro tamén exixiu garantías de que "se aplicará co máximo rigor a lexislación vixente contra as persoas responsábeis deste grave delito", xa que se viron casos nos que longos procesos xudiciais acaban en sentenzas "excesivamente leves para este tipo de delitos".
Finalmente, pediu a aprobación inmediata da Iniciativa Lexislativa Popular 'Regularización Xa', que está na mesa do Congreso desde 2023, para regularizar a situación de máis de medio millón de persoas; e reclamaron tamén que se afronte de maneira "decidida e progresista" a modificación da lei de estranxeiría, porque o novo regulamento aprobado en outubro non evita a situación de irregularidade administrativa dos migrantes durante polo menos dous anos.