Presentan avaliacións técnicas sobre a mina de Touro: as emisións poderían producir "enfermidades cardiovasculares, asma e ictus"
A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non deu a coñecer esta segunda feira en rolda de prensa as recentes avaliacións técnicas sobre o impacto para a saúde que produciría a emisión de partículas contaminantes de reabrirse a mina de cobre de Touro.
“Somos como o Congo ou Ruanda, onde está toda a minaría depredadora”, exemplifica o médico especialista en medicina familiar e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, ao falar da mina de Touro-O Pino “e a de cobre é unha das máis perigosas”, engade.
Son declaracións que realizou esta segunda feira na rolda de prensa convocada en Compostela pola Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non para dar a coñecer avaliacións técnicas sobre o impacto para a saúde que produciría a emisión de partículas contaminantes de reabrirse a explotación que promove Cobre San Rafael.
Na comparecencia participaron, ademais, o secretario técnico da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Fins Eirexas, e a membro da Plataforma Veciñal Touro-O Pino Mina Non, Julia Barbosa.
Alén da contaminación das augas e a construción de balsas “multadas constantemente pola propia Xunta”, o médico indica que “mover cada ano 267 toneladas de rocas durante todo o período de explotación o que supón a emisión ao aire libre de partículas de varios tamaños que poden estar semanas activas e producir enfermidades cardiovasculares, asma ou incluso ictus”.
Ademais, o especialista en saúde pública apuntou a presenza de partículas PM5, "moito máis pequenas e que poden estar até semanas no ar en suspensión". Lembrou que anuncian que se emitirían "100 toneladas cada ano" con elementos como "sulfitos, nitratos e metais que producen patoloxías como enfermidades cardiovasculares, asma ou ictus". O seu perigo, alerta, chegaría "tras penetrar no alvéolo e pasar directamente ao sangue, a maneira que ten de alcanzar todos órganos e tecidos das persoas".
Por último, o médico lembrou a emisión de 52.000 toneladas de CO₂ e a "acificación das augas, que ten efectos moi prexudiciais para a saúde da poboación e para o medio ambiente", unha circunstancia que afectaría as especies que se crían na ría de Arousa. Por último, entre os danos humanos que se poderían derivar da actividade mineira empresarial, Martín salientou "a morte prematura, infarto agudo de miocardio, asma, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, tos, disfunción respiratoria e cancro de pulmón". Sobre o último exemplo, o médico asegurou que "na zona, co que hai en marcha, xa medraron os casos de cancro dunha maneira importante". Neste sentido, as persoas máis vulnerábeis son, segundo aseverou, "os nenos e as nenas, as embarazadas, as persoas enfermas crónicas e as maiores".
"Un proxecto idéntico ao xa descartado"
Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Fins Eirexas, asegurou que desde o punto de vista administrativo “nin sequera tiña que terse tramitado” por constatar que a Xunta da Galiza xa rexeitou en 2021 “un proxecto absolutamente idéntico”. Desta maneira, desde Adega denuncian que a Xunta non se acolleu á Lei de Avaliación Ambiental evidenciando “de que lado está a Administración galega”.
A organización ecoloxista comparou os datos do proxecto que se presentou en 2024 co que xa se rexeitara en 2021. "A superficie, o sistema de explotación e a duración é a mesma, mais hai unhas mudanzas dirixidas a escavar o máximo de mineral no menor tempo posíbel, algo que a propia empresa asume, como consecuencia do alto prezo que ten o cobre no mercado mundial", indicou o técnico de Adega. Por exemplo, na proposta actual indican que "emitirán un 58% de partículas de PM10 e 17% máis de PM5", pero só admitindo "nove elementos cando o anterior tiña dezasete, algo que indica que non hai rigor".
Cobre San Rafael é resultado da unión de Explotaciones Gallegas e o seu socio industrial para o desenvolvemento da mina de Touro-O Pino: Atalaya Mining. Adega comparou os datos con outra instalación de Atalaya Mining, a de Riotinto en Huelva (Andalucía). "No caso andaluz extraen 52.000 toneladas/ano e aquí serían 32.000 t/ano", subliñou Eirexas, "mais en Riotinto declaran emitir 118 toneladas de monóxido de carbono mentres que no caso de Touro declaran que emitirán ao ano 206, ou sexa, producindo menos cobre emitirán máis contaminante".
A CIG presenta alegacións
A CIG presentou alegacións esta segunda feira ao proxecto de reapertura da mina, sumándose ás que realizou a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, e manifestando así o seu apoio “ás accións desenvolvidas pola veciñanza”. O seu secretario xeral, Paulo Carril, sinalou que esta mina "é un exemplo do modelo de desenvolvemento do país que favorece o espolio dos nosos recursos, con grave impacto ambiental, social e económico, e que ademais imposibilita calquera outra alternativa económica que se poida dar vinculada cun rural vivo que permita un desenvolvemento digno dos nosos recursos".
Por iso, a CIG solicitou que se resolva a inadmisión do proxecto ou "que se dite unha declaración de impacto ambiental desfavorábel á vista dos impactos que se expoñen".A
A Plataforma alerta dunha mina "aberta as 24 horas"
Desde a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non amosaron a súa preocupación poucos día antes da data en que rematará a recepción de alegacións ao proxecto, este 31 de xaneiro. Julia Barbosa, membro do colectivo, en relación á saúde, salientou, entre outros impactos da mina, os relacionados “co ruído, coa afectación luminosa e coa emisión de contaminantes á atmosfera", que "están moi disparados neste proxecto”.
Neste sentido, apunta que a explotación “estará aberta 24 horas ao día durante catorce anos” e “cunha voadura diaria con dezaseis toneladas de explosivos será unha fonte de estrés, contaminación e perda de benestar, tanto para as persoas como para os animais".
Prexuízos económicos
Julia Barbosa recordou ademais que a zona en que está situada a mina de Touro-O Pino "ten importantes explotacións gandeiras que viven do seu traballo e que se verían prexudicadas pola contaminación".
A integrante da plataforma evidenciou a preocupación do sector hostaleiro da comarca de Arzúa que vive grazas á expansión do Camiño de Santiago con numerosos estabelecementos e que se a mina se aproba "verían reducidos os seus ingresos e o seu futuro".
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións