Os EUA flexibilizan as sancións coercitivas a Siria
Nese sentido, un funcionario do país árabe trasladou que non formarán parte de “ningún plan que non inclúa unha reforma significativa da Autoridade Palestina, o seu empoderamento e o estabelecemento dunha folla de ruta críbel cara a un Estado palestino”. Diplomáticos occidentais salientaron que os funcionarios emiratís instaron ao uso de mercenarios nunha hipotética forza de mantemento da paz.
As autoridades dos Emiratos Árabes Unidos rexeitan Hamás, a forza de Goberno de Gaza, e o país é un dos poucos Estados árabes que mantén relacións diplomáticas con Israel.
No contexto do fracaso á hora de cumprir os seus obxectivos en Gaza, o Goberno de ultradereita israelí aínda non fixo pública ningunha proposta para o enclave palestino tras a fin do xenocidio, e rexeita acabar coa ocupación de Palestina, así como que o seu pobo integre un Estado independente. Tamén censurou o acordo entre Hamás e Fatah para estabelecer un Executivo de unidade palestino.
En decembro, Fatah, que xestiona Cisxordania, comezou unha operación contra milicias que operan en Xinin contra a ocupación israelí, algo que estas milicias explican por un suposto ultimato sionista de que debe acabar coa resistencia no territorio se aspira a controlar Gaza.
Desde o comezo do xenocidio en outubro de 2023 Israel asasinou 45.885 palestinas e palestinos en Gaza, e mantén na actualidade negociacións de alto o fogo con Hamás despois de exixirlle o presidente electo estadounidense Donald Trump rubricar o pacto antes da súa investidura o 20 deste mes.
Sancións a Siria
No tocante a Siria, o Gabinete xihadista en Damasco recibirá dous barcos xeradores de electricidade de Qatar e Turquía, dous dos países que armaron os fundamentalistas durante a guerra que se estende desde 2011, nun anuncio efectuado poucas horas despois de que os Estados Unidos relaxaran as sancións coercitivas contra o país, o que permite levar a cabo algunhas transaccións cos xihadistas, incluídas vendas de enerxía.