Saltar ao contido principal

Opinión Villalta e a paz

 

Cláudia Morán

Cláudia Morán


Co fin de 2024 rematou o ano de Luísa Villalta, pero non o seu legado imprescindible. Son moitos os motivos para aferrarse á autora da Cidade Alta como a unha agarradoira de supervivencia que nos permite loitar contra un mundo en deshumanización avanzada. Villalta marchou deste lugar demasiado cedo e deixou tras de si un feixe de poemas, ensaios e reflexións de altísimo compromiso que continúan de plena actualidade para volver a eles unha e outra vez.

É o caso da súa crítica ao exterminio do pobo palestino por parte do Estado de Israel ou o seu posicionamento contra a guerra de Iraq, atravesados de xeito transversal por unha obstinada declaración contra a guerra e a máis grave aínda cultura belicista, esa propaganda lexitimadora da crueldade humana para quen só sabemos da guerra polos medios de comunicación.

A inicios dos 2000, Villalta escribiu varios artigos n'A Nosa Terra, hoxe recollidos no Libro das Colunas (2005), nos que reflexionaba sobre a necesidade de educarnos para a paz contra un imperante discurso de guerra. Moi crítica cos Estados Unidos e o goberno de José María Aznar que impulsou a participación do Estado español na barbarie en Iraq, a escritora lembra a trampa do tan estendido concepto ianqui de liberdade mentres relata como se expulsan persoas de actos políticos por berrar "Non á guerra". Pregúntase, nese contexto, se a materia "Educación para a paz" non sería máis ben "Educación para segundo que paz" ou, directamente, "Educación para a guerra".

Vinte anos antes de que Nacións Unidas puxese o berro no ceo pola escalada de conflitos que hoxe estamos a vivir, insólita dende a Segunda Guerra Mundial, Luísa Villalta advertíanos de que estabamos a deixar o máis urxente, a paz, na última liña de propósitos da axenda global. Pregúntome que escribiría hoxe a autora ante as imaxes das crianzas palestinas sufrindo nas súas carnes o peor do exterminio sen fin do seu pobo. Ante as mulleres e as nenas afgás sen voz, sen rostro e sen escola. Que diría dos señores da guerra en Europa e Rusia con Ucraína como escenario, coa escolla de bando como único debate posible. Da onda islamófoba como novo antisemitismo.

Nada semella ter mudado nas dúas décadas que levamos sen Luísa Vilalta, e así é como tampouco mudan as colunas do mundo, cando todo, se cadra, máis ben, empeora. Celebrarei sempre unha autora cuxa única guerra é a loita pola paz.