O non do PP, Vox e Junts derroga no Congreso a suba das pensións e as axudas ao transporte e da DINA
O Congreso aprobou a reforma das pensións co apoio de PSOE e PP.
O rexeitamento do 'decreto ómnibus' –que abranguía ducias de normas– anula a suba das pensións en 2,8%, en liña co incremento do IPC, aumento que sería de case 9% para as pensións non contributivas. Unha decisión que impedirá a revlaorización das pensións ao redor de 690.000 galegos e galegas. O PP anunciou canda o seu non a este decreto que, paralelamente, rexistrou outra proposición de lei para aprobar a revalorización das pensións.
O resultado da votación tamén implica que quedan anuladas as bonificacións ao transporte público que se aprobaron en 2022. Estas incluían a subvención de 30% nos abonos multiviaxe, o desconto de 50% no transporte urbano, metropolitano e interurbano ou a gratuidade dos trens de media distancia.
Tamén fica derrogada a ampliación dos préstamos aos afectados pola dana que causou 227 falecidos o pasado outubro e aumentaba as axudas aos donos de parcelas agrarias que foron destruídas polas choivas.
Mais este 'decreto ómnibus' non foi o único que esta cuarta feira non saíu adiante no Congreso. Os votos do PP, Junts, Vox e PNV impediron que se aprobase a prórroga ao gravame ás eléctricas e enerxéticas. Este imposto recadou en 2024 case 1.000 millóns de euros.
O que si se aprobou, e aquí PSOE e PP foron da man, foi a reforma das pensións. Unha medida contra a que se posicionaron, entre outros, BNG, Bildu, Esquerra ou Podemos, por considerar que consolida os recortes anteriores e implica novos retrocesos.