Ucraína, Palestina e Myanmar son as guerras en curso máis mortíferas.
Cando comeza un novo ano, o mundo sofre a maior cifra de conflitos armados activos desde a Segunda Guerra Mundial, considera a Organización das Nacións Unidas (ONU), nunha apreciación na que coincide co Informe Global da Paz 2024 do Instituto para a Economía e a Paz (IEP).Ao respecto, a Academia de Dereito Internacional Humanitario e de Dereitos Humanos de Xenebra estima nunha cincuentena a cifra de Estados implicados en conflitos activos, que o Armed Conflict Location & Event Data (Acled) fixa exactamente en 50, cualificando de extremos os casos de Palestina, Myanmar, Siria, México, Nixeria, o Brasil, o Líbano, o Sudán, Camerún e Colombia, e remarcando que os “conflitos globais” duplicáronse nun lustro. Tendo en conta outros graos de implicación o IEP case que duplica esa cifra de países até 96 con datos de 2022, o que supón case a metade dos Estados do planeta.
Malia que o pasado ano non deu inicio ningún conflito bélico novo, reflectiu a dificultade de pór fin aos que están en marcha, como amosou o caso do Iemen ou do Sudán. A finais do pasado ano, semellaba posíbel o éxito de conversas para acabar con estas dúas guerras, iniciadas en 2014 e 2023 respectivamente, con todo, en ningún dos casos frutificaron.
Unha paz ano tras ano máis difícil
O certo, apunta o IEP, é que desde o 23% dos conflitos que acababan cun acordo de paz na década de 1970 pasouse a 4% na de 2010. Neste sentido, cada vez é máis difícil acabar con eles pola “suba do número de conflitos pequenos, así como a alza na cifra de actores internos e externos involucrados”.
O caso máis paradigmático desta última situación é Siria, onde a guerra se achega ao seu 14 aniversario logo da toma do poder en boa parte do país por parte dos xihadistas da Organización da Liberación do Levante, nun conflito centrado agora no norte entre a área autónoma kurda e o Exército Nacional Sirio, que dá cobertura á ocupación turca do norte.
Este último grupo, composto ao tempo por múltiples faccións, é apenas un dos que integraba a oposición ao deposto presidente Bashar al Assad liderada polos xihadistas, armados polo Reino Unido, Francia, Arabia Saudita, Qatar, os Estados Unidos ou Israel.
Á vez, estes dous últimos países tamén manteñen ocupadas partes de Siria, ao que hai que engadir dúas bases militares rusas cuxa permanencia está en negociación cos xihadistas.
Unha de cada oito persoas estivo exposta a un conflito armado o pasado ano, afirma Acled. Esta relación pasa a ser de unha de cada cinco se falamos de crianzas, denunciou a pasada semana un informe do Fondo da ONU para a Infancia (Unicef). Máis de 473 millóns de nenas e nenos viven en áreas de conflito e 47,2 millóns foron desprazados por este motivo. “Desde case todos os puntos de vista, 2024 foi un dos peores anos rexistrados para os nenos en conflitos”, incidiu o organismo.
Por porcentaxe de poboación afectada, 81% do total, Palestina “foi o lugar do mundo máis perigoso e violento en 2024”, refire Acled, no medio do xenocidio que está a perpetrar Israel. Amais, a guerra en Ucraína é a máis mortífera, cunhas 68.000 mortes en 2024, e a de Myanmar na que participan máis grupos armados, arredor de 170 organizacións non estatais, e a terceira en mortes despois das dúas anteriores.
Neste último caso, onde a guerra civil naceu dun golpe de Estado dos militares en 2021, o avance dos grupos soberanistas e das Forzas de Defensa Popular leais ao último Goberno con presenza civil deixou o Exército co control de apenas a metade do país, e hai dúas semanas perdeu o dominio da fronteira con Bangladesh.
Non cesan tampouco os combates no Sudán, na guerra civil entre as Forzas Armadas e os paramilitares, na que o enviado especial estadounidense, Tom Perriello, citou estimacións de até 150.000 mortes. Ao oeste, na rexión do Sahel, distintos grupos xihadistas manteñen ataques terroristas constantes que afectan especialmente Burkina Faso.
En Asia Meridional, o conflito en Baluchistán intensificouse con múltiples operacións do Exército de Liberación de Baluchistán en Paquistán, que ao tempo mantén un conflito armado cos talibán paquistanís que o levou a bombardear Afganistán, conxelando a relación cos seus antigos aliados, os talibán afgáns.
Precisamente o de Paquistán é un dos 10 conflitos nos que Acled prevé unha evolución ao longo de 2025, debullando que “o Estado amosou pouco interese en comprometerse politicamente coa cuestión do separatismo baluchi, pintando os activistas pacíficos da mesma forma que aos combatentes”.
Outro deles é o que atinxe á rexión dos Grandes Lagos no centro de África, con epicentro na República Democrática do Congo. No leste do país, con grandes reservas mineiras, polo que as multinacionais do sector están enraizadas no conflito, o M23 e os militares ruandeses dedicáronse a extraer recursos naturais e tratar de ampliar a súa área de influencia entre enfrontamentos cos soldados congoleses, de Burundi e da Comunidade de Desenvolvemento de África Austral canda “un número cada vez maior de grupos armados locais”.
Un ano chave para as políticas de Sheinbaum
Malia que a nova presidenta de México, Claudia Sheinbaum, insiste na necesidade de abordar a violencia co eixo na situación social do país, a súa chegada ao poder tamén supuxo un incremento dos choques entre as forzas públicas e os grupos criminais. Este ano determinará se as súas políticas poden reducir a violencia en México e o poder destes grupos, nun momento no que están envoltos en masivos conflitos entre eles.
En Colombia, tamén é o momento definitivo para coñecer se a estratexia de “paz total” do presidente Gustavo Petro, ao que resta un ano e medio de mandato, pode quitar Bogotá das relacións de conflitos activos no mundo. Mentres algunhas negociacións continúan en marcha, a fin do alto o fogo co Exército de Liberación Nacional ou das negociacións co Estado Maior Central non supuxeron alcanzar o pico de eventos violentos de 2023.
No continente, unha das peores situacións de seguridade é a de Haití, con máis de 5.350 persoas asasinadas en guerras de bandas armadas este ano. 85% da capital, Porto Príncipe, está en poder das distintas bandas, nunha situación que non logrou mellorar a despregadura dunha forza internacional avalada pola ONU e liderada por policías de Kenya.