Saltar ao contido principal

O estraño voto da mocidade

 Manuel Veiga Taboada


Manuel Veiga TaboadaEscritor e xornalista. Doutor en CC. Políticas e Socioloxía.


Hai algúns días saíu á luz unha sondaxe electoral realizada entre persoas de 18 a 24 anos. Vox era a primeira forza en todas as provincias, coa excepción de Euskadi, Navarra, Cataluña e Galiza. Na nosa comunidade, o BNG gañaba claramente na Coruña e Pontevedra e quedaba igualado ás outras tres forzas en Lugo e Ourense.

Que conclusión se pode tirar destes resultados? A primeira é que o descontento entre a xente nova é máis pronunciado que entre as demais franxas de idade. Pódese argumentar que o descontento sempre é máis común entre a mocidade. Pero o importante, neste caso, é determinar de que tipo de descontento se fala. A primeira resposta obvia é que se trata dun descontento cos partidos centrais ou dinásticos, PP e PSOE. 

Por outra parte, que ese descontento se dirixa non a opcións revolucionarias, coma noutras épocas, senón a grupos que reforzan a identidade máis presente entre eles, os nacionalismos nuns casos, o españolismo no outro, parece indicarnos que agora, a carón do globalismo, existe outra corrente que pensa sobre todo na proximidade. Poucas máis conclusións cabe tirar directamente da sondaxe.

Pero podemos facer, pola nosa conta, outras deducións. A ausencia contemporánea de utopías, consecuencia da capacidade do neoliberalismo para integrar calquera disidencia ou para esmagala coa súa potencia mediática, impide que a mocidade de hoxe formule novos horizontes, é dicir, que loite por un cambio social profundo.

A súa reivindicación diríxese, polo tanto, a cuestións máis pragmáticas. Quere algo do que lle prometeron pero non ten. A primeira necesidade é a dun salario que lle permita acceder a unha vivenda. O traballo, maiormente precario, e a vivenda que vive unha nova burbulla, están frustrando en gran medida este sector aludido na enquisa.

A dificultade de encontrar vivenda nas cidades está a contribuír, por certo, a que algunhas persoas, entre elas parte da xente moza, comecen a pensar en residir nalgunha das vilas que tanto abundan en Galiza, onde as condicións de vida poden ser mellores. 

A medio prazo, a reivindicación da mocidade só se pode resolver con cambios profundos, facendo que as rendas salariais volvan ter cando menos o peso que tiñan hai anos. Sen unha mellor distribución da riqueza camiñamos cara unha quebra social.

A extrema dereita, e non só ela, parece que busca enfrontar, en cambio, a mocidade cos xubilados. O significativo desta época é que esa dereita, ben entroncada coas fontes de diñeiro e cos medios de comunicación, é precisamente a que promove a fragmentación e o choque social. Unha loita de todos contra todos, na que só as grandes fortunas e os fondos de investimento parecen libres de crítica.

Nas nacionalidades históricas, o nacionalismo serve de referente, favorece a cohesión interna e actúa como foco de esperanza. Pola contra, na España monolingüe, a esquerda que abrollou o 15-M non foi capaz de arraigar na sociedade, deixando así o espazo libre para a épica retro da dereita radical.