Saltar ao contido principal

O Día da Ilustración Galega homenaxea Xosé Vizoso

 A peza central do programa deste día é a mostra Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo, na Biblioteca da Galiza.


Esta quinta feira celébrase o Día da Ilustración Galega que, por primeira vez, se dedica a un artista. Xosé Vizoso, coñecido polos seus carteis e polo seu traballo na cerámica de Sargadelos, é neste 2025 o protagonista.

Desde a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) destacan a "ampla traxectoria" do homenaxeado, que comezou o seu traballo na década de 1960 e que obtivo en 1968 o Premio Nacional de Escultura. A declaración apunta ademais que "a súa obra destaca polo seu poderío visual e a raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega". 

Para alén do cartelismo e do deseño, Vizoso ten realizado múltiples traballos de ilustración editorial e muralismo, sempre cun estilo persoal inconfundible. En 2021 Aser Álvarez presentou o documental Xosé Vizoso e Sargadelos no que detalla o importante papel deste creador no desenvolvemento da empresa cerámica cos seus deseños.

A peza central do programa deste día é a mostra Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo, que se inaugura esta quinta feira na Biblioteca da Galiza da Cidade da Cultura e que permanecerá aberta até o vindeiro 12 de maio.

Numerosos centros da Rede de Bibliotecas da Galiza renderán tributo ao autor para conmemorar a efeméride. Na Biblioteca pública Ánxel Casal de Compostela, a programación prevista inclúe o espectáculo Cores, contos e rock coa Ramona pequena, de Pakolas.  A Biblioteca pública Miguel González Garcés da Coruña acolle dúas mostras bibliográficas. A de Lugo ofrece, na sexta feira, o obradoiro Ilustrándonos a cargo de Noemí López.

A Biblioteca pública Nós de Ourense, pola súa parte, celebra esta efeméride coa mostra de libros ilustrados Libros para ver. En Pontevedra, a Biblioteca pública Antonio Odriozola ten prevista, mañá, unha sesión de narración oral a cargo de Polo Correo do Vento. E a Juan Compañel de Vigo celebra a data con dúas mostras bibliográficas, Xosé Vizoso: a palabra debuxada no cotián e Ilustrando o inverno, que permanecerán abertas até o 8 de febreiro.