Cando pensabamos que non podia pasar nada máis, o patriarcado sorprendenos cun xeito novo de explotación.
Non. Cristina Pedroche, non é libre aínda que o crea. Nin está empoderada. Nin pode facer co seu corpo o que queira porque quen ten os mandos dese corpo é o capiltalismo fiel alidado do patriarcado.
Abraiante é a promoción masiva que se está a facer dunha nova “moda” que consiste en converter o leite materno en xoias. Aparentemente, véndeno como un xeito de “recordar a lactación”, de “empoderamento feminino” ou mesmo de “homenaxe ao vínculo entre nai e bebé”. Porén, non hai que esquecer que detrás destas mensaxes —tan cargadas de emoción e suposta liberdade— hai intereses económicos que seguen a lucrarse a costa do corpo das mulleres.
A idea de mercantilizar a maternidade é unha vella coñecida: dende os tratamentos de beleza con “tecnoloxía revolucionaria” ata accesorios que se publicitan como imprescindibles para ser unha “boa nai”. Neste caso, falamos de extraer algo tan íntimo como o leite materno, que pasa a converterse nunha peza vendible, cun prezo nada simbólico.
Disfrazar de sentimentalismo o que en realidade é un negocio en auxe evita que empreguemos o pensamento critico para analizar os efectos que ten para as mulleres, ás que se lles ofrece, de novo, un produto que promete “unicidade” mentres se extrae rendabilidade económica do seu propio corpo.
Cómpre reflexionar sobre as implicacións éticas, sociais e para as mulleres que ten esta clase de prácticas. A mensaxe pode vir envolta en boas palabras e aparente agarimo, pero, ao final, o ciclo repítese: vendemos como libre elección o que non deixa de ser unha nova forma de explotación.
Se non cuestionamos estes discursos, corremos o risco de reforzar a idea de que o corpo das mulleres e, neste caso, a súa lactación, son un recurso ilimitado ao servizo do mercado.
Detrás de Cristina Pedroche, hai directivos, deseñadores que obteñen grandes beneficios por eso non debe ser un referente de liberdade para as mulleres.