Os hutís limitarán os ataques no mar Vermello.
As liberadas foron recibidas por centos de persoas, con bandeiras de Hamás e até de Hezbolá, nunha xornada na que saíron da prisión unha xornalista ou condenadas por publicacións nas redes sociais, e a meirande parte nunca foron xulgadas.
Entre as palestinas liberadas está Khalida Jarrar, membro da dirección da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), unha das forzas que participaron na resistencia ao xenocidio israelí no enclave.
Poucas horas antes Hamás liberara tres mulleres detidas na operación da resistencia palestina do 7 de outubro de 2023. Menos dun centenar de israelís permanecen na Faixa, mentres que máis de 10.000 palestinas e palestinos están presos en Israel.
O segundo intercambio da primeira fase da tregua, de seis semanas, está previsto que decorra o vindeiro sábado, nunha etapa na que en total serán liberadas 33 persoas detidas en Gaza por case 2.000 en Israel.
A segunda feira, no segundo día de alto o fogo, o cesamento de hostilidades mantívose en gran medida, mais reportáronse ataques israelís en Rafah, no sur da Faixa. Como pouco 47.035 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel desde o inicio da agresión militar en outubro de 2023.
No Iemen, o movemento hutí trasladou que, coa entrada en vigor da tregua, limitarán os seus ataques a buques vinculados con Israel, nun comunicado no que debullou que está a frear as “sancións” contra navíos relacionados cos Estados Unidos e o Reino Unido, que canda os sionistas lanzaron ataques contra infraestrutura civil no país.
“Unha vez que se implementen plenamente todas as fases” do alto o fogo en Gaza os ataques a barcos do réxime israelí no mar Vermello deteranse, indicou a organización, que advertiu que reactivarán os ataques contra naves de calquera Estado que os agreda.
As medidas dos hutís, que se converteron no único apoio internacional desde a perspectiva militar a Palestina unha vez que Hezbolá rubricou unha tregua con Israel, atacando o réxime directamente e máis de 100 navíos, levaron a unha redución dun terzo da tonelaxe que pasou polo canal de Suez no último ano, acompañada por unha caída de 22% nos tránsitos.