Saltar ao contido principal

Licitación vivendas , XUNTA DE GALICIA

 

A Consellería de Vivenda e Planificación de

 Infraestruturas vén de licitar as obras de construción de 24 vivendas de promoción pública (VPP) no Bertón, no

 concello de Ferrol, por importe de 6,4M€ (6.437.214€). A Xunta segue a avanzar na aposta pola vivenda de


 promoción pública neste barrio, que permite ter xa en marcha xa 363 novas vivendas en Ferrol, en distintas fases de desenvolvemento.

O novo edificio obxecto de licitación será un inmoble de baixo e tres plantas de altura que se desenvolverá na rúa As Constituíntes, e ademais das 24 vpp (8 por planta) contará con 70 prazas de garaxe e 24 rochos. En concreto, a parcela en que se situará esta nova edificación ten unha superficie de 1.303 m2, e o ámbito está totalmente urbanizado.

Neste conxunto está incluído, ademais, que 1 vivenda e 1 praza de garaxe sexan adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

As empresas poderán presentar ofertas ata o 12 de febreiro.

A Xunta financia as obras nun 81,96% con fondos propios, e o resto corresponde aos fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia). A Administración autonómica tamén financia con fondos propios a redacción do proxecto e o resto de traballos técnicos, preto de 190.000 euros, así como o custo da parcela en que se edifican, que foi urbanizada pola Xunta.

Este novo proxecto cumpre o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En concreto, teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.

Ademais dos proxectos cofinanciados con fondos MRR, o Goberno galego continúa a traballar en vivendas financiadas exclusivamente con fondos da comunidade autónoma, así como na adquisición de vivendas de promoción pública aos seus propietarios actuais e na compra de vivendas da Sareb.

A Xunta segue desenvolvendo a construción de vivenda de promoción pública nas grandes cidades e na súa área de influencia, e ten xa en marcha na Comunidade máis de 1.600 vivendas de promoción pública, en distintas fases de tramitación e execución, co obxectivo de acadar as 8.000 nesta lexislatura. Isto, ao tempo que se desprega a primeira fase de execución da Estratexia galega de solo residencial, que prevé desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres.

Fonte.- Xunta de Galicia