Antón Cortizas
Sendo o próximo ano das Letras Galegas dedicado ao cancioneiro popular galego, cousa fermosísima e que me entusiasmou en canto souben da noticia de tal decisión, que ben merecida é, a miña alma pídeme facer chegar a quen corresponda unha atrevida e talvez impertinente solicitude.
A cousa é que gosto inmenso da música popular e por extensión de toda a literatura de tradición oral que practiquei coas miñas humildes posibilidades, quer en aula como docente que fun, quer na escrita, como autor dalgúns libros de recolla de tradición e de re-creación da mesma.
Pois ben, como asistente tamén a actuacións de pandeireteiras e outros grupos de música tradicional, teño a mágoa de que na maioría das actuacións os grupos actuantes adoitan interpretar cancións con estrofas en castelán polo medio (ou mesmo todas nese idioma), sendo folclore galego o que están retransmitindo.
Ante a miña pregunta sobre o porqué de meter o castelán onde non ten que estar, a resposta que recibín en varias ocasións é: "Recollémola así". É a resposta sen o razoamento da época de presión e dominio do castelán, da orixe da mesma letra, e esquecendo que nós somos/seremos tamén tradición (o mesmo que a persoa que afortunadamente gardou iso na súa memoria como unha variante máis), e polo tanto compre retransmitirmos no noso idioma o que é cultura nosa.
Abandonemos a diglosia dunha vez por todas.
Por iso, moito me temo que no próximo ano, que se supón que vai haber unha fermosa explosión de actuacións de música tradicional ao longo e largo do noso país, cabe esperar que en moitas das interpretacións vai aparecer o castelán polo medio no noso folclore, contradicindo a cada vez máis necesaria posta en vivo da nosa lingua.
Por iso, prego que desde un e outro organismo, dende unha e outra boca defensora do noso idioma, fagamos chegar aos grupos que marabillosamente conservan a nosa tradición que, por favor, por amor de Deus, por dignidade ou por respecto á nosa cultura e idioma, non canten nada en castelán nas celebracións do día/ano das Letras Galegas e, xaora, en ningunha outra ocasión.
Recolla de tradición si, modificación das palabras ou dos contidos cando faga falla [imprescindíbel é a mudanza daquelas letras de contidos machistas, violentos e depravadores, que habelos hainos] ou se prefira, si; retransmisión en castelán, non.
Agradécese a recolla e recompilación da nosa literatura tradicional/popular, mais aquilo que foi recollido/retransmitido noutro idioma, non son "letras galegas". É produto da diglosia, da intromisión doutro idioma no noso, da violencia oral que aínda persiste, do colectivo complexo de inferioridade que infelizmente temos. Nós tamén somos tradición e aquilo que retransmitimos debemos de facelo na nosa lingua para vivirmos e sobrevivirmos con dignidade.
Cantar de cego que o ve ben claro
Quero cantar deste xeito
o que teño que contar,
algo que está acontecendo
coa nosa lingua de amar.
Con cantareas e copras,
por se tratar disto mesmo,
con copras e cantareas
así mesmo contareino.
O ano dous mil vinte e cinco,
cousa linda, está adicado
o día das nosas letras
ao cancioneiro legado.
Marabillosas mulleres,
con pandeireta ou sen ela,
na súa ialma conservaron
música nosa e senlleira.
Salvándoas do esquecemento,
por fortuna e felizmente,
cantando as nosas cantigas
na Galiza hai moita xente.
Mais por veces acontece
que quen lembrou non se lembra
das cantigas escoitadas
e outra letra lles inventa.
E por cousas da diglosia,
e do poder doutras terras,
canta en lingua castelá
cal se isto fose Castela.
Mais ti que estás a cantare
e o fas moi ben e con xeito
non cantes en castelán
o que é folclore galego.
Se alguén o fixo noutrora,
foi por mala situación,
mais lembra que cando
cantas ti tamén es tradición.
Por iso ten moita traza
argallar novas palabras
cando aquelas que escoitamos
non están na nosa fala.
Saboroso é o noso caldo
de nabizas e de grelos,
non o fagas con acelgas
se queres caldo galego.
Cantemos na nosa lingua
o que do corazón sae,
que ben sabe latexar
e non precisa transplante.