Holocausto: O mundo lembra as vítimas do campo de Auschwitz, liberado polas tropas soviéticas hai 80 anos
As persoas soviéticas, xudías, polacas, iugoslavas, romanís ou con diversidade funcional, o principal obxectivo nazi.
Esta segunda feira fixéronse 80 anos desde que as tropas do Exército Vermello entraron no campo de concentración e exterminio de Auschwitz, no sur dunha Polonia que viña de ser invadida, construído e operado por Alemaña, gobernada daquela pola extrema dereita, durante a Segunda Guerra Mundial.
Os soldados da Unión Soviética (URSS) “non estaban preparados para afrontar o que descubriron”, polo que a reacción inicial foi de “choque”, debullou o historiador Alexander Bande. Antes de abrir hospitais improvisados, os soviéticos “tentaron tratar urxentemente os superviventes, que estaban desnutridos, enfermos, feridos, e algúns morren por comer ou beber demasiado rápido”, sinalou.
Apenas 7.000 persoas ficaban con vida nun complexo fundado en 1940 e no que tamén se produciron combates entre tropas soviéticas e os últimos membros das forzas nazis que quedaban no lugar. 1,3 millóns de persoas foron enviadas alí e 1,1 millóns asasinadas. O resto foron escravizadas e forzadas a traballar para grandes empresas alemás como Ig Farben, na que estaba integrado BASF, ou Siemens.
O seu papel como o campo nazi máis coñecido converteu Auschwitz nun símbolo do xenocidio, e a Organización das Nacións Unidas (ONU) designou en 2005 a data da súa liberación como o Día Internacional de Conmemoración do Holocausto.
Vladimir Putin, o presidente de Rusia, herdeira a nivel internacional da URSS, incidiu en que a liberación de Auschwitz revelou á “humanidade á verdade sobre os crimes dos nazis e os seus cómplices, que exterminaron millóns de xudeus, rusos, xitanos e representantes doutros pobos”.
En paralelo, salientou que “sempre lembraremos que foi o soldado soviético quen esmagou este mal terríbel e total”, logrando unha “vitoria cuxa grandeza permanecerá para sempre na historia mundial”.
Na súa loita para acabar coas minorías e cumprir o seu programa ultradereitista homoxeneizando á poboación en todos os ámbitos, durante o Holocausto Alemaña asasinou arredor de 17 millóns de persoas.
Case oito millóns eran soviéticas, seis millóns xudías, 1,8 millón polacas, máis de 300.000 iugoslavas, sobre todo serbias, como mínimo 250.000 romanís, un número semellante ao de persoas con diversidade funcional. Ao tempo, arredor de 80.000 eran masonas, 10.000 formaban parte da comunidade LGTB, máis de 3.500 procedían do Estado español tras o exilio que implicou a vitoria franquista –con apoio alemán e italiano– na Guerra Civil e case 2.000 eran testemuñas de Xehová.
A segunda feira, medio centenar de persoas superviventes lideraron a conmemoración no complexo, que incluía tres campos de concentración e 45 campos satélite máis, nunha cerimonia na que se integrou un vagón dos trens que as levaron alí.
Chamamento a respectar as diferentes
Após lembrar como foi “separado brutalmente” da súa familia e o “fedor que saía das chemineas”, o supervivente Leon Weintraub reclamou “a toda a xente de boa vontade” que “sexa sensata e sensíbel a todas as expresións de violencia, intolerancia e resentimento cara a quen son diferentes, sen importar a súa pel, a súa relixión ou orientación sexual”.
Pola súa parte, o presidente polaco, o ultradereitista Andrzej Duda, afirmou que “somos hoxe os gardiáns da memoria” para que o “mundo nunca máis permita” a repetición da “catástrofe da humanidade”.
Duda foi o único líder político en intervir este ano, despois de que a dirección do Museo Estatal de Auschwitz-Birkenau limitara nesta ocasión no evento os discursos de autoridades políticas para centralo nas palabras das superviventes, que escoitaron unha trintena de xefas e xefes de Estado e de Goberno, a inmensa maioría do continente europeo, e delegacións de aproximadamente 60 estados.
Un deles foi o chanceler alemán Olaf Scholz, que subliñou que “máis dun millón de persoas con soños e esperanzas foron asasinadas en Auschwitz por alemáns”, e sinalou que “nunca as esqueceremos”.
De forma paradoxal, Rusia non foi convidada, o que o Museo xustifica pola guerra en Ucraína. O presidente deste último país, Volodimir Zelenski, si que estivo no acto. Despois do golpe de Estado instigado polos Estados Unidos e a Unión Europea (UE) en 2014 co apoio da extrema dereita, as institucións ucraínas comezaron un proceso intensificado no mandato de Zelenski para restaurar a imaxe pública de Stepán Bandera, un ultradereitista que colaborou cos nazis e está considerado como un xenocida por Polonia, como un heroe ucraíno.
O grupo que liderou, a Organización de Nacionalistas Ucraínos, foi de feito quen popularizou a frase “Gloria a Ucraína, gloria aos heroes”, hoxe convertida no lema principal para apoiar Ucraína no país e no mundo.
Por parte de Israel estivo Yoav Kisch, despois de que o primeiro ministro do Executivo de extrema dereita sionista, Benjamin Netanyahu, decidira non viaxar a pesar de que o Goberno polaco, dirixido por Donald Tusk, lle garantiu que ignoraría a orde de arresto contra el por crimes de guerra e contra a humanidade polo xenocidio en Gaza, que foi emitida polo Tribunal Penal Internacional (TPI). Un grupo de persoas polacas de orixe palestina presentou unha denuncia contra Kisch por crimes de guerra en Gaza na década pasada, cando se desempeñaba como piloto do Exército israelí.
Occidente fai énfase no antisemitismo e desvincula a extrema dereita
A conmemoración causou polémica en Italia, país que cun Executivo ultradereitista –como o que ten na actualidade– foi un dos principais apoios de Alemaña na Segunda Guerra Mundial. A súa primeira ministra, Giorgia Meloni, indicou que o “réxime hitleriano” atopou en Italia “a complicidade do fascista”, insistindo en que o seu obxectivo eran as persoas de relixión xudía.
Antes, foi proxectada unha pancarta que sostiña que “se Israel tivese bombardeado os trens a Auschwitz vos teriades posto do lado de [o líder nazi alemán, Adolf] Hitler”, asinada por varios grupos, entre eles Amnistía Internacional, que rexeitou ter relación co ocorrido.
Como os Estados Unidos, que canda o Reino Unido foron os principais apoios da URSS para derrotar Alemaña, a Unión Europea (UE) tamén centrou as súas declaracións na xornada no asasinato de persoas xudías no Holocausto, desvinculando do acontecido á extrema dereita e limitándoo ao antisemitismo.
Sexa como for, se en algo coinciden as forzas ultradereitistas é no seu apoio a Israel e ás súas accións no xenocidio en Gaza, substituíndo ás comunidades xudías polas musulmás como un dos obxectivos principais na súa loita actual contra as minorías.
No tocante ao antisemitismo, o alto comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Volker Türk, denunciou o seu aumento, mais non precisou a relación coa insistencia de Israel en xustificar o xenocidio en Gaza como unha loita contra o antisemitismo, aducindo que representa todas as persoas xudías, malia que moitas son antisionistas e están a liderar as protestas en moitos puntos.