Saltar ao contido principal

Fene volve situarse no foco da arte urbana mundial: Así é o mural que aspira a ser o mellor do ano 2024

 Dous artistas galegos, Tirso Paz, coñecido como Bublegum, e Diego AS, están nomeados na competición polo mellor mural do mundo da plataforma Street Art Cities.


Galiza xa está consolidada como referente mundial no muralismo urbano. Unha tradición na que Carballo (Bergantiños) foi pioneira en 2014 coa creación do proxecto Derrubando muros con pintura e que se espallou, a partir de 2015, a través dun festival: o Rexenera Fest. A este sumáronse outros moitos por todo o país, desde o Delas Fest na comarca de Compostela até o acabado de crear Salmoira Festival Mural en Ribeira (O Barbanza), o Urban Cores de Lugo ou o Desordes Creativas, en Ordes (comarca homónima), entre outras iniciativas.

Mais se falamos de arte urbana galega non podemos esquecer Fene (Ferrolterra). Da primeira edición do seu Perla Mural Fest xurdiu xa en 2023 o mellor mural do mundo, unha certificación que proporciona a prestixiosa plataforma de arte urbana Street Art Cities. Mediante votación popular, alzouse co galardón de 2023 a obra do artista Sfhir, unha pintura que ocupa a superficie dun edificio de nove pisos na rúa da Fraga. A estrutura do inmóbel forma parte do mural, dado que o artista integrou o pozo de luz do edificio como parte do violoncelo. Desta forma, cando os veciños e as veciñas acenden as luces a pintura cobra vida.

E Fene volve estar presente neste certame mundial con Charanguista andino, unha obra que o artista chileno Cristóbal Persona realizou para a segunda edición do Perla Mural Fest. Este mural, o único da Galiza que opta a este premio e situado no número 29 da avenida da Porta do Sol, foi seleccionado na plataforma Street Art Cities como o segundo mellor do mes de setembro, o que lle facilitou a candidatura a conseguir o galardón mundial anual.

'Charanguista andino', mural de Cristóbal Persona para a segunda edición do Perla Mural Fest. (Foto: Street Art Cities)

'Charanguista andino', mural de Cristóbal Persona para a segunda edición do Perla Mural Fest. (Foto: Street Art Cities)

A votación está aberta até o 25 de xaneiro e quen así o desexe pode participar na propia páxina web de Street Art Cities.

Nomeacións galegas

Rinascimento.
'Rinascimento' de Bublegum. (Foto: Street Art Cities)

Mais o Charanguista andino de Cristóbal Persona non é a única representación galega neste certame internacional. Dous artistas galegos, Tirso Paz, coñecido como Bublegum, e Diego AS, tamén están nomeados na competición que organiza Street Art Cities. 

Bublegum está nomeado en dúas categorías: Best of the World —premio ao mellor mural no que participan os tres murais gañadores de cada mes en 2024, cun total de 100 obras— co seu mural Rinascimento, realizado en Italia; e tamén en Artist Choice —categoría na que compiten os murais preseleccionados polo panel de artistas de Street Art Cities—, coa súa obra Ocelote Ornamental, creada en Cheste.

Ocelote Ornamental.

Bublegum está nomeado en dúas categorías: Best of the World —premio ao mellor mural no que participan os tres murais gañadores de cada mes en 2024, cun total de 100 obras— co seu mural Rinascimento, realizado en Italia; e tamén en Artist Choice —categoría na que compiten os murais preseleccionados polo panel de artistas de Street Art Cities—, coa súa obra Ocelote Ornamental, creada en Cheste.

Ocelote Ornamental.
'Ocelote Ornamental' de Bublegum. (Foto: Street Art Cities)

Pola súa parte, Diego AS —que xa gañou a competición en 2021 co mural Xulio César creado en Lugo— compite na categoría Best of the World co mural Rompe o estabelecido realizado en Linares.

A edición de 2024 destes premios convértese así nun recoñecemento non só á calidade dos artistas galegos, senón tamén ao impacto da Galiza como escenario de grandes obras.

Rompe o estabelecido.