Saltar ao contido principal

Falece aos 92 anos de idade o poeta e escritor Bernardino Graña

 Era membro da Real Academia Galega, Premio da Cultura Galega, Presidente de Honra da AELG e Fillo Predilecto de Cangas



O mar de Cangas está de loito. O “poeta do mar”, o escritor e catedrático de Lingua e Literatura Bernardino Graña faleceu esta noite aos 92 anos de idade. O autor é unha das figuras máis destacadas da cultura do Morrazo e da Galiza e no ano 2010 ingresou na Real Academia Galega (RAG), nun acto que se celebrou no Auditorio de Cangas e no que foi recibido polo entonces presidente da academia e vello amigo, Xosé Luís Méndez Ferrín

En 2021 recibiu o Premio da Cultura Galega e en 2022 o Concello de Cangas brindoulle un dos seus máximos recoñecementos ao nomealo como Fillo Predilecto da vila. Desde hai anos, debido ao seu estado de saúde, Graña residía na residencia para maiores “Stella Maris”, en Nigrán.

Traxectoria

Bernardino Graña foi catedrático de lingua e literatura na educación secundaria en diversos destinos, entre eles Onda, Reus, Guadix, Zaragoza, Padrón, Sarria e Cangas, até a súa xubilación en 1991. Desde moi mozo formou parte do consello de redacción da revista poética Alba.

En Salamanca nos anos 1950, co profesor-poeta Rafael Laínez Alcalá, participou nas revistas poéticas e no faladoiro Marabunta, que organizaba recitais na Universidade salmantina na aula de Salinas e outros foros. Participou tamén como articulista en La Noche e Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta noutras publicacións, como VieirosGrial ou Ágora.

Fixo parte da xinea das Festas Minervais e como tal, en 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid. Tamén foi impulsor e o primeiro presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), entidade da cal foi nomeado socio de honra no 1996 e Presidente de Honra en 2021.

A súa obra abrangue todos os xéneros, malia que foi na poesía onde destacou: en 1966 publicouse Profecía do mar, "un dos máis nobres libros da poesía galega contemporánea", en palabras de Ferrín. Despois viñeron obras como Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Sima-Cima do voar do tolo (1984), o telúrico Himno verde (1992), ou Luz de novembro (1997).

Se o noso amor e os peixes..., de 1980, un dos seus títulos máis celebrados, e constitúe un dos mellores exemplos da poesía amorosa en lingua galega, onde inclúe o famoso poema  "Como hei vivir mañá sen a luz túa?".

Poesía de protesta civil, ecoloxismo e poemas de circunstancia en homenaxe a amigos ou admirados son outros dos temas frecuentes na súa obra. Varios dos seus poemas foron convertidos en cancións de músicos como Suso Vaamonde, o dúo Mini e Mero ou o grupo de rock cangués Astarot.

Narrador serodio para o público adulto, resultou gañador do Premio Eixo Atlántico do ano 2006 coa novela Protoevanxeo do neto de Herodes. Nestas páxinas o autor transforma a liñaxe canónica de Xesús ao situalo como fillo de María e Antípatro e, por tanto, neto de Herodes. Máis que cuestións de índole teolóxica, a narración desenvolve o conflito político entre Roma e Israel no que Antípatro toma partido polos xudeus. O tema da vida e obra de Xesús sería tratado de novo desde a mesma perspectiva heterodoxa no libro A fuga a Exipto, de 2016.

Como dramaturgo publicou Vinte mil pesos crime (1962), un clásico da literatura dramática de posguerra no que desenvolve un argumento de violencia e corrupción moral mediado polo diñeiro. A esta obra seguíronlle “Sinfarainín contra don Perfeuto” (1975), publicada na revista GrialOs burros que comen ouro nunca cabalos serán, que recibiu o Premio Abrente de Ribadavia en 1979 e foi publicada en 1992; e Larpancia saborosa do lobo e a raposa, premio Estornela de 2008 e publicada en 2011. Nestas pezas desenvolve con humor, tenrura e sinxeleza cuestións de crítica social e denuncia da mercantilización da vida moderna.

Mestre de mestres

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELGA, declara a Nós Diario que "era un mestre dos mestres, un dos grandísimos. Foi un poeta enorme que converteu en ouro literario todo aquilo que cantou. Desaparece el, pero deixa unha inmensa obra literaria na que nos achegou ao mar dunha forma fermosísima. Abriu moitas portas poéticas, mais tamén humanas". O presidente da AELG quere lembrar tamén o seu activismo "a prol da lingua e da cultura galegas. Era un home dunha grande humanidade, unha figura de consensos, conciliador, que durante a súa presidencia da AELG sempre procurou que as difeentes opinións das socias e socios se transformasen nun grande abrazo á nación galega". Sánchez Iglesias, ademais, lembra que Bernardino Graña fixo parte desa xeración inmensa de Avilés, Méndez Ferrín, Xohana Torres, Manuel María, Uxío Novoneira, Luz Pozo Garza... que puxeron os alicerzes da poesía galega contemporánea en tempos da máxima escuridade". 

Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, móstrase consternado: "Non sei separar a miña condición de presidente da RAG da de amigo de Bernardino, co que tantos momentos fermosos compartín", confesa a Nós Diario. "Era un grandísimo poeta, mais sobre todo era unha boísima persoa, cariñoso, xeneroso e con moitas ganas de compartir a alegría de vivir". As referencias á poética do mar tampouco faltan nas lembranzas de Freixanes. "É de destacar a súa lealdade á terra, á Galiza, e sobre todo ao mar da ría de Vigo e ao Morrazo. A súa lingua mariñeira é un patrimonio que bebe directamente da súa experiencia persoal, do seu coñecemento profundo da lingua popular das xentes do mar. Bernardino Graña foi o noso gran poeta do mar".