A quinta feira entra en vigor o veto israelí á actividade da Unrwa.
Sexa como for, incide en que o status de persoas refuxiadas “non está vinculado á Unrwa e está consagrado nunha resolución da Asemblea Xeral” da Organización das Nacións Unidas (ONU) “que é anterior á creación da Axencia”.
O organismo foi fundado en 1949 para garantir a asistencia humanitaria a 750.000 palestinas expulsadas da súa terra pola limpeza étnica que seguiu á fundación do Estado sionista, co que asinou un acordo en 1967 que Israel rachou de forma unilateral, despois de difamala durante décadas para intentar vinculala coa resistencia palestina.
As novas normas israelís prohiben calquera presenza ou actividade da Unrwa no que considera o seu territorio, que inclúe a ocupada Xerusalén Oriental, e veta os contactos dos seus funcionarios coa entidade, o que na práctica levará ao límite as súas operacións no resto de Cisxordania e Gaza.
A Unrwa xestiona en Palestina 27 campos de persoas refuxiadas, ofrece servizos de saúde primaria, materna e infantil a máis de 2 millóns de persoas e comida a máis dun millón, amais de educación primaria e secundaria a máis de 300.000 crianzas e adolescentes. Se incluímos as refuxiadas dos países da contorna, nos que opera 31 campos máis, prové de educación, sanidade, servizos sociais e de emerxencia como mínimo 5,9 millóns de palestinas e palestinos.
En Gaza, é a organización humanitaria máis importante con diferenza e todas as axencias da ONU dependen dela para as súas operacións, polo que advertiu que de paralizarse o seu traballo o alto o fogo entre Hamás e o réxime sionista podería colapsar. En todo caso, Lazzarini ratificou o compromiso da Unrwa de permanecer no lugar.
Da mesma maneira que no tocante ao xenocidio en Gaza, os Estados Unidos trasladaron o seu apoio á decisión sionista, poucos días despois de que o seu presidente, Donald Trump, propuxera avanzar na limpeza étnica á que Israel aspira na Faixa, e que non conseguiu pola vía militar por mor da resistencia da poboación palestina e as súas organizacións. Os países aos que propuña enviar 1,5 millóns dos 2,3 millóns de gazatís, Exipto e Xordania, xa o rexeitaron.