Triste sorte a de Castelao. Exiliado e perseguido en vida, manipulado e desprezado tamén de morto. 75 anos da súa morte no exilio, fóra da súa patria, e continúan a matar o seu pensamento. Hai que ter moita cara. E moita deshonestidade política e moral. Volveu pasar esta semana.
Diante da súa tumba, un conselleiro da Xunta permítese a indecencia e a desvergoña de defender, como se fose atribuíbel a Castelao, esa aberración sociolingüística que eles denominan "bilingüísmo cordial" (política de exclusión e aculturación cos resultados xa coñecidos de substitución lingüística) e para introducir o discurso desa farsa grotesca que chaman "pacto pola lingua". E tamén para o chamar autonomista, a quen entendeu a autonomía como marco inadecuado para Galiza, e mero paso táctico para o obxectivo real: a soberanía.
E remata o conselleiro con aquilo de que "é máis o que nos une que o que nos separa". E fica así, tan contento o tipiño. O que os une a eles con que? Con Castelao? Coa lingua galega? Con nós? Porque é exactamente ao revés. É máis o que nos separa que o que nos une. O que nos une ao conselleiro é basicamente a coincidencia no código xenético (por certo, compartimos tamén 98,5% cos chimpancés, dato non menor, e non por iso nos sentimos politicamente unidos con eses simpáticos primates), mais na visión do país que temos, dos seus dereitos políticos democráticos, do seu idioma, das súas clases populares, non nos une nada. Eles denigran este pobo e renegan del. Castelao sentíase orgulloso de ser galego e loitaba pola liberdade dunha nación á que eles se negaban, e negan, a recoñecer. É máis o que nos separa que o que nos une.
Castelao era nacionalista e demócrata, e non lle unía nada a quen o perseguiu en vida. Nin con aqueles que asasinaron a Bóveda e a tantos outros patriotas e demócratas. Nin con quen branquearon aquela operación militar fascista de exterminio físico. Como o propio Alberto Núñez Feijóo, á hora de caracterizar o xenocidio iniciado en 1936: "Nuestros abuelos se pelearon". Ah, claro, Fraga foi ministro de Franco. Agora entendemos.
Lembra moito todo isto a 1984. Á operación cosmética promovida por Alianza Popular (xénese do PP e continuidade do franquismo orgánico) con motivo da traída á Galiza dos restos de Castelao. Despois de expulsaren os deputados nacionalistas pretenderon camuflárense como demócratas e galeguistas, e lexitimar o réxime autonómico falsificando a obra de Castelao. Houbo quen lle fixo fronte a ese engano. E lembramos hoxe, como en 1984: vivo, en pé, o noso irmán Daniel!
PS: Ía ir este artigo sobre a cobiza de Donald Trump sobre Groenlandia. Débese, parece ser, ás súas riquezas naturais e posición xeoestratéxica. Coidado, porque é un risco para nós. Polas mesmas razóns Galiza pode tamén situarse no punto de mira deste individuo. Pasar de ser colonia española a sela dos Estados Unidos. Non sei que será peor. Aínda que algo xa o somos: Madrid manda sobre nós, mais Washington tamén manda sobre Madrid. Daquela...