Tras nove anos de intenso traballo, o fotodocumentalista Xosé Abad, impulsor da rede, deixa a súa responsabilidade á fronte desta iniciativa defensora dos DDHH
Tras nove anos de intensísimo traballo para poñer en pé Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio -e consolidar os seus Encontros como un referente internacional no campo da defensa dos DDHH e do xornalismo humanitario- o fotodocumentalista Xosé Abad, impulsor e coordinador da iniciativa, cede a testemuña para poder retomar as súas responsabilidades profesionais e persoais ao cen por cento.
Na asemblea xeral da asociación celebrada esta mañá na Coruña quedou renovada a súa xunta directiva, pasando a facerse cargo da coordinación xeral da mesma a filóloga e docente especializada no traballo con colectivos vulnerables, Estela López. O equipo ao fronte de Acampa queda conformado por Roi Abad, na vicepresidencia, Rubén Sánchez Imizcoz, a cargo da tesourería, Tamara Rademacher na secretaría e Hortensia Rossi como vogal responsable de organizacións.
Agradecemento ao traballo voluntario que puso en pé Acampa
Xosé Abad comezou o seu discurso de despedida lembrando a Carlos Reguera, membro fundacional de Acampa recentemente falecido que ocupou a secretaría da organización desde os seus inicios. Agradeceu o traballo de todas aquelas persoas voluntarias que pasaron polos distintos equipos de traballo de Acampa pola Paz dando o mellor de si mesmas, de maneira xenerosa e intensa, e en especial ao equipo de coordinación, tamén, sempre de carácter voluntario. Tamén puxo en valor a contribución das organizacións máis activas da rede e o seu compromiso nos actos promovidos en cada Encontro Internacional.
Abad, alma mater de Acampa pola Paz, dá agora un paso atrás confiado en que o proxecto está consolidado e a súa continuidade garantida. «Afortunadamente, ninguén é imprescindible e temos un equipo con moitas ganas de abordar os retos pendentes, que non son poucos», indicou. «Creo no futuro desta aposta e do movemento que xera, xa que en poucos anos e partindo de cero, alcanzou un gran prestixio dentro e fóra das nosas fronteiras, logrando contaxiar a persoas de moitas outras cidades» explicou o fotodocumentalista, resaltando a rede Acampa pola Paz conformada en Brasil desde as 2019 grazas ao compromiso do equipo que coordina a Profesora Doutora Célia Regina Rossi.
O coordinador saínte non quixo deixar pasar por alto o seu agradecemento persoal aos case sesenta fotógrafos e fotógrafas de primeiro nivel que, ano tras ano, encheron as rúas da cidade con historias e imaxes que a ninguén deixaron indiferente, exposicións que en cada edición foron vistas por un cuarto de millón de persoas. Tamén fixo mención aos principais relatores e relatoras nacionais e internacionais que, ano tras ano, trouxeron ata os xardíns coruñeses os seus relatos directos sobre o que acontece na cara B do mundo: guerras, conflitos, desastres naturais, espolios, secas, fames negras… axudando ao público asistente aos Encontros a entendelos e a fortalecer o seu pensamento crítico.
Manter a esencia de Acampa e que non vire ao que non é
O ata o de agora responsable da rede convidou o movemento Acampa a seguir sumando persoas e organizacións para ampliar a súa capacidade de convocatoria e a promover propostas de maneira transversal e integradora, que sexan do máximo interese para a cidadanía evitando convertelas en meros actos endogámicos para satisfacción persoal, mirando sempre máis aló da militancia. «Debemos resistir tamén a tentación de converter Acampa no que non é, tratando de substituír a partidos, sindicatos ou movementos que convocan accións de resposta social na rúa, tan necesarias; Pero sen deixar de ser o vínculo de unión que apoia, acompaña, e amplifica aquelas accións encamiñadas á defensa dos DDHH». Concluíu lembrando que para cumprir a función para a que Acampa foi creada debe ser recoñecida e respectada por todos os actores da sociedade.
As contas, referendadas por unha auditoría externa
Ademais da renovación da xunta directiva, na asemblea xeral celebrada esta mañá aprobáronse as contas do 2024 que ademais do control da propia rede, este ano e para maior garantía sometéronse a unha auditoría externa. Así mesmo, convidouse a organizacións e socios a propoñer candidaturas ao que será o Recoñecemento Acampa á Defensa dos DDHH 2025. O prazo estará aberto ata o 31 de xaneiro. As bases reguladoras e o formulario poden consultarse na web de Acampa pola Paz: www.redeacampa.org
O novo equipo resultante da asemblea de hoxe comeza xa a programar o que será o IX Encontro Internacional Acampa pola Paz centrado no «Dereito á paz» e que se celebrará os días 20, 21 e 22 de xuño.