Saltar ao contido principal

A historia de San Xiao e o arroz con leite: unha tradición que puido nacer no Ferrol do XVII

  Este mesmo martes celébrase o patrón da cidade co popular arroz con leite, unha receita con indicios locais xa no século XVII



A cidade de Ferrol nace en torno ao templo parroquial de San Xiao ou San Xulián, predecesor do que, dende 1959, ostenta o título de concatedral. Polo tanto, a festividade que se celebra hoxe, e cada 7 de xaneiro, trascende a tradición de tomar arroz con leite ao conmemorar a mesma orixe desta localidade.


primeiro documento no que se cita a Ferrol, que data do ano 1087, pertence ao Cartulario de San Martiño de Xuvia, conservado no Archivo Histórico Nacional, segundo o investigador Fernando Dopico Blanco, que realizou un estudo sobre o transcorrer da vila dende a Baixa Idade Media á Modernidade. Ese texto do século XI, que determina lindes xeográficos, xa asocia o territorio con Sancto Iuliano, termo máis próximo ao latino de Iulianus

.

CartularioSMartinoXuvia
Primeiro documento no que se cita o Sancto Iuliano de Ferrol | CEDIDA


Non obstante, “o proto-núcleo urbán, a verdadeira vila de Ferrol”, tal como expresa o autor na súa análise, nacería despois, a finais do século XII e comezos do XIII, xa que a primeira evidencia que rexistra esta nova localidade, como tal, non aparece até o reinado de Alfonso IX. “Tanto o templo parroquial antigo como o que temos hoxe son a matriz”, declarou Dopico sobre a actual concatedral de San Xiao e a xa desaparecida igrexa fundada baixo esta mesma advocación. Así, o resto de santuarios emblemáticos cos que conta a cidade, como as Angustias ou o Socorro, son todos posteriores.

 

 

A igrexa de San Xiao primixenia “estaba na Praza Vella, onde está a entrada do peirao”, continúa, lembrando que se trataba da vila medieval. Esta edificación derrubouse, precisamente o 7 de xaneiro de 1762. O motivo adoita atribuirse ás obras do Arsenal, “aínda que xa estaba medio deteriorada” e, de feito, antes “tivo que ser reparada moitas veces”, debido á escasa cimentación que semella presentar a zona. Para substituír este primitivo templo románico, no século XVIII construíuse o actual co proxecto do aquitecto e militar Julián Sánchez Bort. O título de concatedral estreouse coincidindo coa dobre capitalidade da diócese de Mondoñedo-Ferrol.


Arroz con leite 

 

Tal como advertiu Fernando Dopico, o prato que tradicionalmente se degusta polo San Xiao ferrolán “estaba estendido polo menos por toda a cornixa norte: o que é Galicia, Asturias e Cantabria”, territorios nos que actualmente pode confirmarse a súa popularidade. “Supoño que cada quen tira para a súa casa”, continuou, con respecto ás orixes concretas da receita, que adoitaba pensarse que chegou á cidade no século XVIII, a raíz da acumulación de man de obra para os asteleiros.


Traballando noutros temas que atinxían ás festividades locais nos séculos XVII e XVIII, o investigador topou o primeiro libro da Confraría de San Roque. Neste texto, recóllense os gastos que presentan os seus mordomos, que xa en 1614 rexistraron os produtos para a elaboración.

 

 

“Non se fala do arroz con leite pero si que se dan os seus ingredientes”, sinala Dopico con cautela, que en todo caso destaca o real de canela e os tres de “asúcar” que rexistran as contas como evidencia, acompañando ás “tres libras de arroz, en cuatro reales” e aos “tres azumbres de leche, en un real y medio”.
 

Os gastos anuais que debían presentar os mordomos incluían varias festividades, entre as que primaba o patrón da Confraría e a súa véspera, que se conmemoraba cunha gran romaría no campo de San Roque, arredor do actual Parador de Turismo e o convento das Esclavas. Esta celebración constitúe “o contexto deste posible arroz con leite”, segundo expresou Dopico, e o documento que dá conta dun dos primeiros festexos locais que se realizaron con esta degustación